O BNG de Gondomar convoca asemblea informativa aberta sobre humanización da Praza Manuel Alonso

PrazaAlamedaFinaisDos60
PrazaAlamedaFinaisDos60

A reunión será este venres 13, ás 20:30h no CDL de Gondomar, e está dirixida a toda a veciñanza da contorna da máis coñecida como Praza da Alameda

O BNG de Gondomar convoca asemblea informativa aberta sobre humanización da Praza Manuel Alonso

Gondomar, 12 de outubro de 2023.- O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Gondomar convoca á veciñanza da contorna da Praza Manuel Alonso, máis coñecida como Alameda, a unha asemblea informativa aberta sobre o proxecto de humanización da devandita praza. A reunión será este venres 13 de outubro, ás 20:30h no Centro de Desenvolvemento Local (CDL), na primeira planta do edificio do antigo colexio público de Gondomar.

 

A adxudicación definitiva dos traballos de humanización vai ser sometida a debate no pleno da corporación municipal do vindeiro martes 17 de outubro e, para o BNG, saber cal é a opinión das persoas máis directamente afectadas de se chegar a facer ese proxecto é unha das claves na toma de decisión. “Desde logo non nos valen enquisas virtuais e manipulables, onde pode votar quen queira, viva onde viva e as veces que queira, como as que monta o Sr Ferreira para parecer máis aberto e participativo”, indica a portavoz do BNG, Manuela Rodríguez.

 

Semella que inspirado pola iniciativa do Bloque anunciada na tarde de onte con carteis e convites, agora o Alcalde tamén vai informar. Desde a organización nacionalista lamentan que non o fixera en abril, antes da aprobación dun proxecto unicamente coñecido polo goberno local e nun pleno extraordinario e urxente convocado con 24 horas de antelación. “A boas horas! E por que agora si e antes non? Porque daquela tiña maioría absoluta e agora non. Moito cambiou o conto!”, conclúen.


 

O BNG de Gondomar convoca asemblea informativa aberta sobre humanización da Praza Manuel Alonso