OS NACIONALISTAS AVOGAMOS POR DAR ESTABILIDADE E PROFESIONALIZAR UN SERVIZO ALTAMENTE VALORADO POLA CIDADANÍA
O BNG presentará mocións nos tres concellos miñoranos para que insten á Mancomunidade a abordar a situación do G.E.S. Val Miñor
Ante a situación de precariedade na que está instalado o Servizo de Emerxencias da Mancomunidade do Val Miñor, que acabou provocando as mobilizacións que están a desenvolver os seus membros durante todo este mes, o BNG rexistrará mocións en Nigrán, Gondomar e Baiona, co obxectivo de tentar que os concellos reclamen ao organismo supramunicipal a convocatoria da Comisión creada ao efecto no seu seo, coa fin de acometer seriamente a definición e reorganización completa do servizo, afondando no seu carácter de servizo básico.
Con esta iniciativa, pretendemos dar forma a unha petición xa realizada por nós dun xeito informal ao remate da reunión da comisión da piscina de A Ramallosa, e que foi recibida con innumerables pegas por parte de representantes de PP e PSOE. Buscamos que o asunto se debata e que dea lugar a posicionamentos claros e públicos, evitando que as dificultades alegadas en xuntanzas internas desaparezan cando os traballadores están diante.
Queremos sinalar que esta estruturación dun servizo fundamental como o de emerxencias, debe ser distinta, e en todo caso complementaria, da simple negociación sindical cos traballadores, para abranguer a ordenación das emerxencias nunha comarca, a do Val Miñor, que con case 44.000 habitantes censados e unha poboación na época estival superior aos 100.000, precisa dun servizo público de emerxencias con base no val, ben dotado e con capacidade de resposta.
Para iso temos que esixir de Xunta e Deputación que asuman a súa responsabilidade no financiamento suficiente dunha competencia que ten atribuída, pero non por iso no BNG estamos dispostos a que, mesmo ante a insatisfactoria achega que por parte doutras administracións se puidese dar, renunciar a un servizo digno e, pese as carencias, moi ben valorado polos veciños.
Dende logo será un obxectivo básico da nosa organización o establecemento dunha estrutura estable que remate, entre outras cousas, coas temerarias quendas dun só bombeiro.
Neste enlace podedes ver a moción que presentaremos no Concello de Gondomar. https://goo.gl/HqmgdZ
BNG.