O BNG reclama maiores investimentos para o Val Miñor nos Orzamentos da Xunta de 2024

Membros do BNG do Val Miñor
Membros do BNG do Val Miñor
A fronte nacionalista rexistra emendas ao proxecto de contas do PP para iniciar o rescate da autovía AG-57, construír unha residencia de maiores, un punto de encontro familiar e recuperar a Foz do Miñor, entre outras propostas
O BNG reclama maiores investimentos para o Val Miñor nos Orzamentos da Xunta de 2024

VAL MIÑOR, 11 de decembro 2023.- O Bloque Nacionalista Galego reclama maiores investimentos para o Val Miñor nos Orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2024. A fronte nacionalista vén de rexistrar emendas para “reverter a falla de recursos e proxectos” que, un exercicio máis, presenta o Goberno de Alfonso Rueda no seu proxecto de contas.

Entre as demandas, o BNG insiste na urxencia de rematar coas peaxes da autovía AG-57, unha vía de titularidade autonómica que conecta o Val Miñor con Vigo e o norte de Portugal. “Supón unha clara discriminación para as persoas dos nosos concellos, e as que se desprazan a esta comarca, mentres outras zonas do país teñen autovías libres de peaxes”, denuncian. Así, propoñen iniciar un estudo para avaliar o rescate da concesión, que remata no ano 2045, co obxectivo de converter a AG-57 nunha alternativa á conxestión e ao elevado tráfico das estradas Vigo-Baiona e Gondomar-Vigo, e para mellorar a conexión dos parques empresariais da Pasaxe-Vincios (Gondomar) e do Porto do Molle (Nigrán).

Dende a fronte nacionalista chaman tamén a incrementar os recursos en políticas sociais. Así, a fronte nacionalista demanda a construción dunha residencia de maiores que resolva a carencia de prazas públicas no Val Miñor. No mesmo sentido, piden crear un punto encontro familiar mancomunado para desconxestionar o centro existente en Vigo e facilitar os desprazamentos das persoas usuarias. Con respecto a outros servizos, como o Hospital Álvaro Cunqueiro ou a Universidade, piden máis liñas e frecuencias de transporte directo.

Outra das reivindicacións históricas do Bloque ten a ver coa contaminación que presenta dende hai anos a Foz do Miñor, e que derivou na perda do banco marisqueiro da zona. Fronte a esta situación, as nacionalistas urxen nas súas emendas a posta en marcha dun Plan de Rexeneración que permita avanzar cara a recuperación ecolóxica deste espazo. Tamén en materia ambiental, esixen un plan de reforestación dos montes con especies autóctonas e accións de prevención contra os lumes, en colaboración cos concellos e as Comunidades de Montes en Man Común.

No ámbito sanitario, o BNG reitera a necesidade de ampliar o número de profesionais do servizo de saúde mental no centro de especialidades do Val Miñor. “O servizo actual é claramente insuficiente presentando listas de agarda e distancia entre citas de máis de 7 meses, o que fai que a atención psicolóxica e psiquiátrica, que precisan de maior continuidade e frecuencia, sexan deficientes”, critican.

O BNG reclama maiores investimentos para o Val Miñor nos Orzamentos da Xunta de 2024