AS EMENDAS FORMULADAS CÉNTRANSE NOS SERVIZOS PÚBLICOS E A SANIDADE, NO MEDIO RURAL E O MEDIO AMBIENTE E NAS INFRAESTRUTURAS E A MOBILIDADE.

O BNG presenta un total de quince emendas aos Orzamentos da Xunta para o 2020 relativas aos concellos do Val Miñor

Desembocadura_do_Miñor,_monte_Lourido,_praia_América...
O BNG presenta un total de quince emendas aos Orzamentos da Xunta para o 2020 relativas aos concellos do Val Miñor

O Bloque Nacionalista Galego formulou un total de quince emendas parciais á proposta de orzamentos da Xunta para o exercicio 2020 relativas aos concellos do Val Miñor. As emendas formuladas céntranse no reforzamento e alongamento dos servizos públicos, na sanidade, no medio ambiente e na mellora da mobilidade e das infraestruturas viarias.

Delas, sete afectan ao conxunto dos tres concellos do Val Miñor.

A cuestión ambiental merece dunha importante atención para a organización nacionalista. Desta maneira, propoñen destinar case 4 millóns de euros para a recuperación das zonas afectadas polos lumes na comarca de Vigo, na que se inclúen os concellos do Val Miñor, que, após dous da vaga de lumes do 2017, aínda están a agardar por unhas axudas que efectivamente poidan paliar os seus brutais efectos. Demandan tamén a realización dun estudo para a recuperación e rexeneración da Foz do Miñor para a corrección da contaminación e a recuperacion do banco marisqueiro.

No relativo á sanidade pública, destacan os 24M€ destinados á compra de POVISA para a rede sanitaria do SERGAS, proposta conxunta cos demais concellos adscritos ao hospital privado. Propoñen tamén a dotación de 300.000€ para a ampliación do horario de especialidades do PAC Val Miñor de radioloxía, fisioterapia, saúde mental (esta última con listas de agarda de até seis meses); e a dotación dunha segunda ambulancia adscrita a este PAC no servizo de urxencias nos días laborables, que permita reducir o tempo de agarda nos casos de urxencia.

En canto ás infraestructuras e a mobilidade propoñen a mellora do transporte público por estrada e o servizo de bus a Universidade de Vigo desde o Val Miñor e a dotación de 500.000.-€ para o estudo para a avaliación do rescate da concesión e bonificacións transitorias das peaxes da AG-57 (Autoestrada do Val Miñor), que conleve a súa xestión pública e a eliminación das peaxes, convertindo esta vía en verdadeira circunvalación para os tres concellos do Val e, no caso concreto de Gondomar, permita a redución do tránsito de vehículos polo centro da parroquia de Vincios.

As restantes emendas teñen carácter local.

Así, o BNG de Baiona ante a elevada demanda de novas prazas, propón a construción dunha nova escola infantil dotando unha partida para o inicio das obras no 2020.

No caso do BNG de Nigrán propoñen a urbanización da rúa Otero Pedrayo (PO 3330) que, pese a ser unha estrada moi transitada e que vertebra o municipio, presenta un estado lamentábel.

Pola súa parte, o BNG de Gondomar propón o inicio no 2020 dunha nova escola infantil e dun centro de día para maiores; así como ampliar a atención de pediatría en horario de tarde para o Centro de Saúde de Gondomar.

Propón tamén a mellora da mobilidade peonil (construción de senda peonil) da estrada PO-341 Víncios-Couso, e completar a construción de beiravía na estrada PO-332 Vincios-Nigrán nos tramos que faltan entre Tercias e Vendas na parroquia de Vilaza. Ademais da construción dunha nova fase de saneamento nas parroquias do concello de Gondomar.

BNG Val Miñor.

O BNG presenta un total de quince emendas aos Orzamentos da Xunta para o 2020 relativas aos concellos do Val Miñor