O BNG solicita que a poboación do Val Miñor sexa adscrita ao Novo Hospital en construción
Reclama tamén a exposición pública de toda a información referida ao Novo Hospital
- O Bloque Nacionalista Galego, a través da presentación de mocións nos tres concellos miñoráns, reclama á Xunta de Galiza o carácter público do Novo Hospital, así como que este sexa o hospital de referencia de toda a área sanitaria.
Ademais da polémica ao respecto do modelo construtivo, os nacionalistas manifestan a súa preocupación pola adscrición da poboación de Nigrán, Baiona e Gondomar ao novo centro hospitalario, xa que entenden que "esta non está garantida en absoluto".
Nese senso lembran que os responsables sanitarios" teñen falado da liberdade de elección cando o Hospital estea en funcionamento, pero sen que isto figure en ningún sitio".
Alegan que ditas declaracións de intencións, choca coa insuficiente capacidade do novo centro, "unha vez que sufriu a diminución do número de camas e as dimensións do edificio, así como cos anuncios de ampliación do actual hospital de referencia, Povisa".
Agregan que aínda que de xeito formal se permitise a elección, "esta, con total seguridade, quedará limitada a unha serie de prestacións ou especialidades, reservándose outras como poden ser queimados, determinadas ciruxías, etc., para manter o actual concerto co centro privado".
Finalmente o BNG rexeita as mocións presentadas polo Partido Popular na área sanitaria de Vigo, "enmarcadas na campaña dos alcaldes do PP na defensa do modelo de Financiación Privada de Inversións (PFI), que incrementa o custe en 1.500 millóns de euros, e na guerra entre o Partido Popular e Abel Caballero".
Por iso os nacionalistas insisten na exposición pública do novo proxecto de execución que se está a construír, así como os recursos dispoñíbeis para facer fronte á obra.
A nova nos medios: