Encontros sectoriais no Val Miñor
O BNG rematou esta fin de semana os encontros sectoriais cunha xuntanza coas Comunidades de Montes en Man Común do Val Miñor na que estivo presente a candidata número 6 do BNG pola provincia de Pontevedra, Marta Dacosta.
Ao acto acudiron comunidades dos tres concellos do Val Miñor, representantes da Mancomunidade do Val Miñor e da Organización Galega de Montes en Man Común. No encontro os comuneiros resaltaron os avances que se produciran no goberno bipartito, en que o BNG tivera a responsabilidade da Consellaría de Medio Rural. Neste sentido, quedou patente a necesidade dun cambio de goberno na Xunta de Galiza para recuperar políticas que foran beneficiosas para o monte galego e que o actual goberno do PP paralizou e destruíu.
O BNG tomou nota das suxestións realizadas polos asistentes e trasladoulles os principais puntos do programa do BNG que aposta por unha política forestal que faga dos montes un activo económico, facendo especial fincapé en retomar as políticas iniciadas no seu día, con Alfredo Suárez Canal á fronte da Consellaría. Entre elas a aposta por un monte multifuncional e sustentábel, por unha política de prevención en materia de incendios forestais ou por recuperar unha lexislación que, no relativo aos parques eólicos, daba plena capacidade de decisión aos propietarios dos terreos en que o parque pretendía ser instalado e esixía a realización de inversións nos lugares en que se producía a enerxía.
Outros encontros sectoriais
O BNG realizou tamén encontros sectoriais coas Anpas e a mocidade do Val Miñor. Nos dous encontros estivo presente a candidata Marta Dacosta.
No encontro coas Anpas, quedou patente a necesidade de apostar polos servizos complementarios e recuperar o programa de gratuidade dos libros de texto, medidas recollidas no programa do BNG.
No encontro coa mocidade, o coloquio centrouse no actual estado do ensino e na necesidade de apostar por este servizo público. O BNG informou aos mozos e ás mozas da súa proposta de levar adiante un Plan de Emprego Plurianual para a Mocidade, pois a procura de emprego é un dos maiores problemas que hoxe atopan as e os máis novos.