Representación ilexítima de Gondomar nas mancomunidades
14 set. 2012 - 19:01
Máis consecuencias nefastas da usurpación das actas
- O BNG de Gondomar denuncia que, unha vez máis, a apropiación das actas do BNG por parte dos concelleiros que abandonaron a organización prexudicou aos gondomarenses ao privalos da representación nas Mancomunidades de Vigo e do Val Miñor que eles outorgaron nas urnas a cada formación política.
No pleno celebrado onte en Gondomar, aprobouse unha proposta para nomear o representante de Iniciativa por Gondomar como concelleiro nas Mancomunidades de Vigo e do Val Miñor. Deste xeito o pobo de Gondomar non estará representado neses organismos de acordo cos resultados electorais dos que se derivaba que esa representación lle corresponde ao BNG.
O feito de que as persoas que abandonaron o BNG non entregaran as actas, tal e como está establecido estatutariamente no BNG e eles coñecían, e tal e como lles foi reclamado, priva ao BNG, e a todas as persoas que no seu día o apoiaron, da representación que lexitimamente lle corresponde nos plenos das mancomunidades de Vigo e o Val Miñor.
O BNG denuncia que a usurpación das actas obtidas nas eleccións municipais prexudica o BNG en canto á representación que lle corresponde e vulnera o espírito do voto do electorado, pois o resultado final é que a representación de Gondomar nestas dúas mancomunidades non se axusta ao resultado das eleccións municipais en Gondomar.
Desde o BNG tamén queremos sinalar que esta non é unha consecuencia sobrevida, senón que é unha consecuencia previsíbel e coñecida por todas as partes.