O BNG pide a retirada do Anteproxecto de Lei da Administración Local

O BNG pide a retirada do Anteproxecto de Lei da Administración Local

Casa do Concello de GondomarO BNG de Gondomar presentou hoxe unha moción ao Pleno do Concello para instar ao Goberno do Estado a retirar o Anteproxecto de Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, realizar unha reforma constitucional que suprima as deputacións provinciais, presentar un plan de financiamento dos concellos, que lles permita custear os servizos públicos locais e realizar unha reforma do réxime local que deixe en mans das Comunidades Autónomas un amplo marxe de regulación sobre a organización, as funcións e competencias das entidades locais, a fin de adaptar o mapa local á realidade de cada territorio co obxectivo de racionalizar o mapa institucional en coherencia cun aproveitamento e administración eficaz dos recursos públicos.

Desde o BNG consideramos que o Anteproxecto de Lei de racionalización e sustentabilidade na administración local, aprobado recentemente polo Goberno central, pretende mudar de xeito substancial o papel dos concellos, cun maior impacto nos de menor tamaño, que son ampla maioría en Galiza.

A devandita proposta legal inspírase na aplicación do principio de estabilidade orzamentaria, na versión regulada na reforma constitucional “exprés” pactada polo bipartidismo estatal, que implica un ríxido límite á actuación do sector público, ao situar a contención do gasto público por riba da atención ás necesidades sociais que deben atender as administracións na súa función de redistribuidoras da renda e da riqueza.

A intención prioritaria desta reforma do réxime local é reducir e adelgazar o ámbito de actuación dos concellos, cun recorte severo dos servizos que prestan, aínda que disfrazado do eufemismo “evitar duplicidades”. Non hai unha verdadeira intención diso, nin de racionalizar, pois quen sae reforzada nesta reforma é a institución provincial que é o ente máis prescindíbel do entramado institucional actual. Porén, introdúcense mecanismos que abocarán ao deterioro, e mesmo supresión, de prestacións e servizos públicos básicos polos concellos, afectando directamente á veciñanza, sobre todo ás persoas con menos recursos.

Ademais, esta reforma reforza o centralismo, pois deseña un réxime xurídico e organizativo homoxéneo á maioría dos concellos galegos cos do resto do Estado, a pesar das fondas diferenzas en canto ao modelo de asentamento e organización territorial. Desde o nacionalismo galego sempre se tivo unha visión crítica coa articulación legal e administrativa local, por ser allea á realidade de Galiza, tanto nas dinámicas sociais como pola tendencia á uniformación cos entes locais do resto do Estado, cando as realidades territoriais son diferentes. Agora péchase calquera posibilidade de que Galiza deseñe un mapa local acaído á súa realidade.

Alén desa limitación á capacidade de Galiza, aténtase contra a autonomía local, ao conter unha serie de mecanismos externos para avaliar a capacidade de organizar novos servizos locais ou de intervir en actividades económicas. En realidade trátase dun control político desde a administración central do Estado que busca evitar que se ensaien políticas alternativas desde os concellos. É unha limitación antidemocrática para os concellos que teñan vontade de exercer a través da iniciativa pública tanto o reforzo de servizos públicos como o estímulo de actividades económicas locais. Porén, para nada se fai unha referencia á limitación na privatización de servizos, nin sequera se reserva unha esfera mínima que debe estar blindada ao sector público e evitar con iso a súa transferencia ao sector privado.

A reforma consagra a máis absurda duplicidade do actual mapa institucional no Estado español, que é a persistencia das deputacións provinciais, que sairán reforzadas á hora de asumir servizos municipais, cando o máis lóxico sería afrontar a súa definitiva desaparición. O traslado ás deputacións de determinados servizos locais é un despropósito, pois non teñen ningunha base provincial, sendo totalmente artificial encomendar ás deputacións a súa prestación, e tendo en conta ademais que a atribución aos concellos da competencia sobre determinados servizos sempre se efectuou en función da operatividade das administracións locais para a prestación e cooperación naqueles que teñen unha clara base local.

En suma, estamos ante unha proposta que afondará na homoxeneidade e na capacidade da administración central de intervir na dinámica local, a fin de impor as políticas antisociais e de relegación do papel do sector público a todos os concellos, como continuidade ás reformas regresivas xa aprobadas e ao deterioro democrático.