O BNG denuncia a perda de subvencións para a biblioteca municipal por incompetencia do Goberno local do PSOE
Manuela Rodríguez: “O Goberno de Ferreira volve celebrar o mes do libro demostrando o seu desinterese polo fomento da lectura, pois non doutro xeito se pode cualificar que non teña solicitados as axudas convocadas pola Xunta durante o mes de xaneiro deste ano”
Gondomar, 9 de abril de 2024.- O Bloque Nacionalista Galego denuncia que Gondomar fica este ano tamén sen as subvencións da Xunta para dinamización da lectura e para adquisición de fondos bibliográficos pola incompetencia do Goberno local.
Se en 2022 fora por non presentar a estatística de bibliotecas do ano 2020, este ano directamente nin presentou as solicitudes de subvención para entidades locais. Nin á convocatoria publicada o 15 de xaneiro para a programación de actividades de dinamización da lectura, nin á publicada o 19 de xaneiro para a adquisición de novidades editoriais en galego e para a mellora das coleccións, ambas dirixidas ás bibliotecas públicas de titularidade municipal.
Na páxina da Consellaría de Cultura pode descargarse a resolución definitiva de ambas as axudas e comprobar que, en ningunha das dúas, aparece o concello de Gondomar, nin como beneficiario, nin como concello excluído, sinal inequívoco de que non se realizaron as tramitacións. “É inadmisíbel que, unha vez máis, e de novo no mes en que imos celebrar o Día do Libro, tomemos coñecemento de que este goberno local non foi quen de realizar os trámites, desprezando así unha actividade tan importante como é a promoción da lectura e desatendendo a biblioteca que non está precisamente sobrada de novidades editoriais e grandes fondos”, declara a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez Pumar.
“Desprezo é a palabra coa que temos que nomear este desleixo, pois estamos a falar de que, de xeito reiterado, o concello desatende as súas funcións respecto da biblioteca e perde a oportunidade de ingresar 5.136,10€, cantidade que si ingresarán outros concellos da nosa contorna”, sinala Manuela Rodríguez.
O BNG denuncia que esta desidia e desatención do libro resulta aínda máis grave cando “estamos ante un goberno que impuxo as súas dedicacións exclusivas a golpe de decreto, supostamente ‘para garantir a boa xestión’”, mais que “cando chega o momento nin están atentos á convocatoria, nin a presentar en prazo a documentación”.
Desde o BNG consideran “lamentable coñecer esta nova xusto no mes da celebración do Día do Libro, o 23 de abril”, aínda que consideran que non é nada novo o desleixo do goberno local do PSOE a respecto da cultura e máis concretamente do funcionamento da biblioteca municipal, como demostra o feito de que esta siga sen posto de bibliotecaria/o. Por iso a concelleira nacionalista anuncia que “esixiremos que se concreten partidas orzamentarias e que se busquen medidas para paliar a perda dunhas contías moi necesarias para a dinamización da lectura e o bo funcionamento da Biblioteca”.