O BNG de Gondomar insta ao goberno municipal a lle dar prioridade ao servizo de saneamento no concello
Denuncian que Gondomar segue a ter arredor de 3.000 vivendas sen saneamento
Manuela Rodríguez: “Dos 2,7 millóns do remanente de 2023 e dos 1.100.000 euros do plan da deputación que lle corresponden ao concello Gondomar para o 2024, o alcalde destina cero euros a saneamento”
O BNG de Gondomar insta ao goberno municipal a lle dar prioridade ao servizo de saneamento, na medida en que é un servizo básico que os concellos deben garantir por ser competencia municipal de obrigado cumprimento.
Desde o BNG expoñen que a carencia de saneamento obriga a manter pozos negros ou fosas sépticas cuxas filtracións provocan a contaminación das terras, dos acuíferos e mananciais, e deixa inutilizados os pozos de auga, as fontes e mesmo as terras de cultivo.
Indican tamén que malia ser a evacuación e tratamento das augas residuais, xunto coa subministración de auga potable, tan fundamental “a día de hoxe a cobertura da rede municipal de saneamento nalgunhas parroquias cobre escasamente o 10% das vivendas, e Gondomar segue a ter arredor de 3.000 vivendas sen ese servizo”, denuncia a súa portavoz municipal Manuela Rodríguez.
O saneamento non é prioritario
O goberno local do PSOE non aposta pola dotación deses dous servizos básicos. Así queda patente, segundo explica o BNG, no nulo investimento no que vai de ano, nin de fondos propios nin dos que da deputación lle corresponden ao concello de Gondomar. Das modificacións orzamentarias con cargo aos 2,7millóns de remanente do 2023 e dos 1.100.000 euros do plan da deputación, “cero euros foron destinados a saneamento”, lamentan. E malia se aprobar no pleno de abril unha moción do BNG que incluía destinar dos remanentes 450.000€ para saneamento e 65.000€ para á posta en marcha do servizo municipal de baleirado de fosas sépticas, “aínda non houbo ningún movemento nese sentido”.
“Fica claro que non son a prioridade de Paco Ferreira”, indica Rodríguez. Diante desta actitude irresponsable e da crítica situación ambiental e social que provoca, o BNG de Gondomar levou novamente a pleno unha moción para esixir do goberno local medidas encamiñadas a dotar ao concello dun plan estable de investimentos de cara ao saneamento integral do concello. A iniciativa, que incluía tamén o servizo de baleirado, foi aprobada por unanimidade, mais “está por ver se o goberno ten intención de cumprir os acordos que nela se recollían”.