O BNG de Gondomar demanda do goberno local o cumprimento da ordenanza de normalización lingüística

1000057127
Erros ortográficos na web
Manuela Rodríguez: Concello leva catro anos incumprindo a súa propia ordenanza e o goberno municipal do PSOE négase á creación do Servizo de Normalización que podería pór en marcha optando ás subvencións existentes
O BNG de Gondomar demanda do goberno local o cumprimento da ordenanza de normalización lingüística

Gondomar, 02 de agosto de 2024.O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar demanda do goberno local o cumprimento da ordenanza de normalización lingüística. organización nacionalista denuncia que o goberno non se implica na defensa da lingua galega, algo que como administración pública lle corresponde, tal e como dita a Lei de Normalización Lingüística de 1983 e a propia Ordenanza Municipal de Normalización aprobada en xaneiro de 2020.

 

Efectivamente, tal e como denuncia o BNG, o Concello de Gondomar leva catro anos incumprindo a súa propia Ordenanza que obriga á creación dun servizo de normalizaciónOrdenanza que, paradoxalmente, recolle no seu artigo 2.4. “O Concello de Gondomar mantén un Servizo de Normalización Lingüística (SNL) co obxectivo de dar pulo á normalización no concello. Todos os organismos anteriormente citados (concello, organismos del dependentes, empresas) han de se axustar aos criterios de uso lingüístico que difunde o SNL.”

 

O BNG de Gondomar xa reclamou no seu día a dotación do servizo, así como a constitución e convocatoria das comisións de seguimento da Ordenanza para comprobar o seu cumprimento. Mais, o equipo de goberno desenténdese da nosa lingua. “Non respectan a lingua galega. Aprobouse unha Ordenanza que pretenden facer pasar por papel mollado mentres Gondomar perde falantes”. Para o BNG unha mostra desa falta de respecto é tamén a mala calidade da lingua que empregan nos documentos municipais. “Doen os ollos de ver como a propia web do Concello está inzada de erros que deterioran e desvalorizan a nosa lingua”, denuncia a concelleira do BNG, Manuela Rodríguez Pumar.

 

Nin sequera a falta de orzamento pode xustificar este desleixo, porque existen convocatorias tanto da Deputación como da Xunta que permiten facer fronte á creación e posterior mantemento do Servizo”, engade Rodríguez Pumar. “Convocatorias que xusto veñen de resolverse neste mes de xullo e das que Gondomar volveu quedar fóra simplemente porque non se solicitaron”.

 

BNG de Gondomar seguirá esixindo a creación do servizo de normalización lingüística. Un servizo imprescindíbel para asesorar a Administración, facer seguimento do cumprimento da lexislación en materia lingüística ou velar para que se garantan os dereitos lingüísticos da cidadanía, ao tempo que planifica, xestiona, executa e avalía accións a prol da lingua galega, fomentando o seu uso en todos os ámbitos para contrarrestar a perda de falantes. Por este motivo emprazan xa ao Alcalde de Gondomar e aos departamentos responsábeis a que elaboren un proxecto para presentar nas vindeiras convocatorias e a non deixar pasar un ano máis sen que se cree este servizo.

 

Así mesmo, desde o BNG demandan a constitución e convocatoria inmediatas da comisión de seguimento do cumprimento da ordenanza, que debe reunirse cando menos dúas veces ao ano, tal como recolle no seu artigo trinta, que “aínda non se convocou nin unha soa vez en catro anos”, engade Rodríguez.

O BNG de Gondomar demanda do goberno local o cumprimento da ordenanza de normalización lingüística