O BNG pide explicacións ao goberno local por suspender a colaboración co taxi ao CRA para o alumnado de Vilas e Prado
Gondomar, 01 de febreiro de 2024.- O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar, a través da súa portavoz municipal, Manuela Rodríguez, ven de pedir explicacións ao goberno local do PSOE en relación á suspensión da colaboración para o pago do taxi que traslada ao alumnado dos barrios de Vilas e Prado á aula do Colexio Rural Agrupado (CRA) Antia Cal en Morgadáns.
Vilas e Prado son dous barrios da parroquia de Morgadáns que están a unha distancia de 4Km e 5,5Km, respectivamente, do barrio de Guillufe, tamén en Morgadáns, onde esta situada unha das aulas do CRA Antía Cal, o centro máis próximo para a escolarización das crianzas da zona no segundo ciclo de educación infantil.
As familias atópanse con esta decisión do goberno local a mediados de curso e sen que nada fixera temer até agora a continuidade dun servizo que se viña prestando nos últimos anos en colaboración coa Entidade Local Menor de Morgadáns. Diante desta situación, iniciaron unha recollida de sinaturas en que solicitan que o goberno reconsidere a medida e que manteña a axuda para o pago do taxi, para que as súas fillas e fillos poidan contar co transporte que precisan.
Desde o BNG agardan que a solicitude das familias sexa atendida e instan ao goberno a dar continuidade ao servizo, como mínimo para o que queda de curso. Así mesmo, veñen de solicitar explicacións ao respecto e levarán este tema ao vindeiro pleno municipal. “A Sra Iria Lamas non podía estrenarse de peor maneira como concelleira de educación. Aínda non hai un mes que dirixe a área e xa está recortando axudas”, critica a voceira do Bloque.
“Primeiro o PP deixa ao alumnado de Peitieros sen comedor e agora o PSOE sen transporte aos de Vilas e Prado”, lamenta Rodríguez e asegura que “o BNG defenderá sempre o mantemento de ambos servizos”.