O BNG solicita melloras nas estradas provinciais da Deputación en Gondomar
A deputada Manuela Rodríguez solicita máis seguranza viaria e que se completen as barreiras para motos na vía a Peitieros e que se instalen na estrada a Vilaza
O grupo provincial do BNG vén de solicitar ao goberno da Deputación que mellore as estradas provinciais da súa competencia no termo municipal de Gondomar. En concreto, solicítase que se mellore a seguranza viaria en ambas vías con barreiras de protección na EP-2301 entre Gondomar e Peitieiros e tamén na EP-2303 de Gondomar a Vilaza.
A petición foi formalizada na comisión de Infraestruturas e Mobilidade, xuntándose imaxes do perigo que supón a falta dos elementos solicitados, e darase traslado tamén no Pleno da vindeira semana, onde a deputada nacionalista Manuela Rodríguez fará diferentes rogos ao respecto.
Segundo subliña a deputada e tamén concelleira por Gondomar, na EP-2301 é preciso unha limpeza da maleza das marxes, xa que a vexetación invade as beirarrúas impedindo o tránsito peonil e obriga a circular pola calzada ás persoas que pasan pola zona camiñando. Sinala a nacionalista que este problema súmase falta de largura dos itinerarios peonís, que xa de seu son insuficientes, polo que insta a realizar os traballos coa máxima celeridade para evitar situacións de inseguridade.
Tamén destaca que ademais de mellorar as condicións para os tránsitos peonís hai que actuar no relativo aos vehículos. Sinala que nesta vía existen barreiras de protección para motoristas en parte do seu trazado, mais é preciso completalas en diferentes treitos, xa que non teñen continuidade.
Por outra parte, a deputada do BNG solicita tamén á Deputación que dote e ou reforce as barreiras de protección da estrada EP-2303 Gondomar-Vilaza en ambas marxes. Destaca Rodríguez que coas cortas de árbores nos terreos anexos á vía hai perigo de que as persoas e tamén os vehículos, principalmente as motos, caian ou saian despedidas polos desniveis do terreo.