O BNG de Gondomar denuncia o trato discriminatorio no acceso ao servizo de comedor a parte do alumnado do CRA Antía Cal
A Consellería afirma que só teñen dereito ao uso do comedor do Neira Vilas as familias do CRA que teñen dificultades económicas ou sociais, e iso non é certo. A Consellería minte a sabendas, como escusa para rematar co servizo
Manuela Rodríguez: “As familias excluídas séntense desamparadas e discriminadas pola Xunta que, de xeito arbitrario, lles nega un dereito a unhas mentres llo concede a outras”
Gondomar, 5 de xaneiro de 2024.- Nunha acción simbólica na véspera do día de reis e ao lado do ‘buzón real’ e acompañando a familias afectadas, o BNG de Gondomar denunciaba o trato discriminatorio no acceso ao servizo de comedor a parte do alumnado do CRA Antía Cal por parte do goberno da Xunta do PP.
Desde que, no curso 2022-2023, a Xunta pasou a asumir o servizo dos comedores dos catro centros educativos de infantil e primaria de Gondomar a Consellería de Educación decidiu que só terían dereito a comedor as crianzas da aula de Peitieiros do CRA Antía Cal que xa usaban o servizo no ano anterior, como excepción e até que completaran a súa escolarización en infantil; catro no curso pasado e dúas neste. As demais familias, tanto das aulas de Peitieiros como das outras catro parroquias, ficaron excluídas.
Así, varias familias con crianzas escolarizadas na aula de Peitieiros que precisaban e solicitaron o servizo de comedor para o presente curso ficaron fóra do servizo. E ven como, cada día, coidadoras do comedor do CEP Neira Vilas van recoller a dous alumnos do CRA Antía Cal para ir comer alí, mentres as súas crianzas non teñen ese dereito. “Séntense desamparadas e discriminadas pola Consellería de Educación, pola Xunta que de xeito arbitrario lles nega un dereito a elas mentres llo concede a outras familias”, denuncia a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.
O agravio faise máis grande aínda cando a Valedoría do Pobo, a quen unha das familias pide amparo, dá por boa a razón aducida pola Consellería ao afirmar que o alumnado do CRA que viña desfrutando do comedor mentres era de xestión municipal (até o curso 2021-2022 incluído) o facía en virtude da súa condición de beneficiarios das axudas sociais do concello, e que unha vez asumida a xestión por parte da Xunta, esta permitiu a permanencia do alumnado, con carácter excepcional, debido á súa situación socio-familiar, dando a entender que eran/son familias con dificultades económicas ou sociais. Tal como afirma o BNG, “iso non é certo na inmensa maioría dos casos, nin na actualidade nin nos cursos pasados, e é algo facilmente comprobable. A Consellería minte a sabendas, como escusa para rematar co servizo”.
O Antía Cal, que contaba cunha matrícula de 108 alumnas e alumnos entre as súas seis aulas no curso 2021-2022, e un deses colexios rurais que a propia Consellería sinala como fundamentais para ‘elevar a calidade do ensino das comunidades rurais, así como contribuír á revitalización socioeconómica e cultural das mesmas’. Así mesmo, tal como recolle o Decreto 132/2013, a administración educativa debe potenciar que os centros ofrezan servizos complementarios, como o comedor escolar, co fin de ‘favorecer que amplíen a súa oferta educativa para atender as novas demandas sociais’, tamén aquelas que constitúen un ‘importante instrumento para a conciliación da vida laboral e familiar’.
Todo o contrario do que está a facer con esta actuación, “que é un paso máis na folla de ruta deste goberno galego de deixar sen servizos aos colexios públicos e o rural”, denuncia Rodríguez. E esa é a razón pola cal a matrícula do CRA Antía Cal descendeu notablemente neste ano, xa que as familias se viron forzadas a levar as súas fillas e fillos a outros centros, públicos ou privados, que lles garantiran ese servizo.
A maiores do lema da pancarta das familias, en que se preguntan por que a elas non, nos carteis mostrados na acción de hoxe, a modo de carta aos reis magos, podíase ler, ‘eu preciso comedor escolar opara a miña filla’, ‘as nais reclamamos servizos de conciliación para termos igualdade’, ‘nós solicitamos servizos públicos no rural para no ser veciñas de segunda’ ou ‘nós esiximos comedor para todas as familias, é urxente’. En todos eles tachábase o verbo ‘pedir’ para ser substituído por outros máis imperativos na demanda dun servizo necesario e que debe ser para todos.
As familias expresaron que, ao contrario que as súas crianzas cos reis magos, elas non piden nin agardan agasallos, senón que ESIXEN, DEMANDAN, RECLAMAN, a prestación dun servizo ao que teñen dereito e un trato non discriminatorio. Pola súa parte a portavoz do BNG, sostén que “xa non podemos agardar nada bo deste goberno da Xunta, ao que nestas datas deberíamos tachar de ‘inimigo visible’, e que o mellor que nos pode pasar e que desapareza despois do 18 de febreiro”, remata Rodríguez.