O BNG de Gondomar recolle alegacións contra o proxecto de Altri
A recollida contra o que califican como “unha auténtica bomba ambiental no corazón de Galiza” desenvolverase até o mercores 17, data en que remata o prazo de alegacións
DÍAS E HORAS DE RECOLLIDA:
De 12h a 13h: Luns 15 e Martes 16
De 18h a 20h: Sábado 13, Luns 15, Martes 16 e Mércores 17
Gondomar, abril de 2024.- O BNG de Gondomar recolle, na súa sede no centro da Vila, alegacións contra o proxecto de Altri. A recollida contra o que califican como “unha auténtica bomba ambiental no corazón de Galiza” desenvolverase até o mercores 17, data en que remata o prazo de alegacións.
O Bloque súmase así á ofensiva veciñal para impedir que se materialice o proxecto de Altri en Palas de Rei, unha “auténtico desastre ambiental” que de se levar adiante causará un enorme prexuízo ambiental e socioeconómico na súa contorna.
“Pretenden instalar en Galiza unha fábrica contaminante que non queren en Portugal”, denuncia o BNG, “cun enorme impacto territorial, nos recursos hídricos e no tecido socieconómico” non só en Palas de Rei, senón tamén en toda a contorna.
“É unha agresión descomunal e un ataque ao ben máis preciado que temos, a auga”, apuntan. Porque a pasteira precisaría, segundo a propia empresa, uns 535 litros de auga por segundo, e vertería de volta ao río Ulla aproximadamente o 80 % da auga, logo de sometela a procesos industriais contaminantes e de depuración industrial”, explican. Un río que desemboca na ría de Arousa “da que comen máis de 4.000 familias e que produce máis do 70% do mexillón de Galiza”.
A megafábrica de ALTRI tamén precisaría 1,2 millóns de toneladas de eucalipto ao ano na primeira fase, e máis de 2 millóns cando estivese a pleno rendemento, o que provocaría aínda máis eucaliptización no País.
Ademais do impacto ambiental directo coa contaminación das augas e do ar, do impacto no ámbito paisaxístico, no patrimonio natural e a biodiversidade, o megacomplexo industrial tería un impacto moi negativo nas actividades económicas e no emprego na contorna.
Por todas esas razóns, desde o BNG “manifestamos o noso rexeitamento rotundo a este megaproxecto e animamos á veciñanza do Val Miñor a se sumar á campaña de recollida de alegacións contra esta bomba ambiental e en defensa dun medio e dun rural vivos, produtivos e con futuro”
Enlace a formulario de alegacións:
https://gondomar.bng.gal/media/bnggondomar/files/2024/04/15/Alegacio%CC%81n_Altri.pdf