O BNG denuncia, máis unha vez, a inacción de Xunta e Concello na loita contra as inundacións en Gondomar
A organización nacionalista critica o uso partidista que ambos gobernos están a facer dun tema de tanta importancia
Manuela Rodríguez, portavoz municipal: “Mentres Xunta e Concello perden o tempo en acusacións cruzadas, o perigo de novas inundacións mantense”
GONDOMAR, xaneiro de 2024.- O Bloque Nacionalista Galego denuncia, máis unha vez, a inacción de Xunta e Concello na loita contra inundacións en Gondomar. Faino diante dunha resposta que a Xunta de Galiza dá á pregunta formulada polo BNG sobre o estado de execución do proxecto de Augas de Galicia para reducir o risco de inundacións en Gondomar.
A deputada nacionalista, Carmela González, trasladara o pasado mes de novembro unha pregunta sobre os plans que o Goberno galego tiña pensado desenvolver con este obxectivo. A Xunta responde que as obras non se puxeron en marcha porque entre as obrigas asumidas polo Concello de Gondomar figuraba ‘a posta a disposición, antes do inicio das obras, dos terreos necesarios nas condicións adecuadas para a execución das obras’ e que ‘no momento de contestar a iniciativa do BNG’, que ten rexistro do 26 de decembro, o Concello de Gondomar aínda non puxera a disposición eses terreos.
A Portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, vén de solicitar do goberno local información cumprida ao respecto e aproveitará o vindeiro pleno para preguntar directamente ao Alcalde se, tal como el manifestou publicamente no mes de decembro, os terreos están efectivamente a disposición ou non.
En calquera caso, “resulta ridículo, como de nenos pequenos, este intercambio de culpas, cando o que está en xogo é resolver un problema desta dimensión”, lamenta Rodríguez, e diante desta nova edición de escusas da Xunta de Galiza e do goberno municipal,a concelleira nacionalista considera “indignante o uso partidista deste tema porque, mentres PP e PSOE perden o tempo en acusacións cruzadas, o perigo de novas inundacións mantense”, lembrou.