O Concello de Gondomar desprotexe o galego

O Concello de Gondomar desprotexe o galego

O BNG de Gondomar critica que a proba de galego non teña carácter eliminatorio para o acceso a postos de traballo na Administración pública do Concello de Gondomar


- Para o BNG de Gondomar, no acceso a postos de traballo na Administración pública débese esixir a demostración de competencia no uso da nosa lingua. Desde este punto de vista, o BNG entende que as probas, ou unha parte delas, deberían realizarse en galego. En todo caso, ao BNG non lle parece correcto que a proba de galego non teña o mesmo carácter eliminatorio có resto das probas.

O Concello de Gondomar convocou por medio do Boletín Oficial da Provincia dúas prazas temporais, unha delas de Arquitecto/a superior, en posto interino para cubrir a baixa do titular, e outra de Traballador/a Social, cun contrato de 12 meses. En ningún dos dous casos a proba de galego é eliminatoria. Que a proba de lingua galega, consistente nunha tradución de castelán a galego ou viceversa, sexa derradeira proba, despois de aprobar as anteriores, e que non teña carácter decisivo na realización das probas, réstalle utilidade, converténdoa nun mero trámite que non ten ningún tipo de validez.

Para o BNG este feito impide comprobar que as e os aspirantes estean en condicións de atender ás veciñas e os veciños na nosa lingua que, en Gondomar, segue sendo maioritaria entre as persoas adultas, polo que non se garante o noso dereito a sermos atendidos no noso idioma.

Por outro lado, o BNG non entende a brevidade dos prazos establecidos: dez días naturais, uns prazos especialmente curtos que non favorecen que as persoas interesadas poidan acceder a esta oferta. Prazos tan reducidos préstanse a que acaben por presentarse soamente as persoas que teñen a fortuna de seren avisadas.


O Concello de Gondomar desprotexe o galego