A implantación da taxa do lixo

A implantación da taxa do lixo

O Bloque Nacionalista Galego lamenta que o Pleno do Concello de Gondomar non tivese en conta ningunha das mocións que leva presentado no rexistro do Concello


- Nas últimas semanas, o BNG de Gondomar presentou por rexistro tres mocións dirixidas ao Pleno do Concello: unha moción a prol dunha banca pública galega e para reclamar a realización dun referendo sobre o rescate; outra para reclamar que non se privatice a xestión das actividades deportivas, e unha terceira para reclamar que non se supriman unidades no ensino público.




Porén, o Pleno do Concello de Gondomar non tivo en conta ningunha destas mocións e, deste xeito, na súa xuntanza do pasado xoves nin debateu nin se pronunciou sobre un rescate que é un roubo para o pobo e que tantas consecuencias negativas vai ter para a cidadanía. Tampouco houbo debate sobre as supresións de unidades no ensino, que en Gondomar afectan aos colexios de Donas e Peitieiros, sen que aínda se coñezan os datos de Secundaria, onde se pode prever unha redución de profesorado. Finalmente, non se tivo en conta a moción do BNG contra a privatización da xestión das actividades deportivas, algo que ten consecuencias nefastas para as persoas que realizaban este traballo, pois poden resultar despedidas, e para a propia cidadanía ante a hipótese de que a privatización da xestión dea lugar a un encarecemento da actividade.



No Pleno tratouse, ademais, a implantación da taxa do lixo. O BNG de Gondomar denuncia que o goberno municipal non tivese a sensibilidade de establecer pagos fraccionados e aplicar tarifas reducidas nas vivendas con todos os seus membros no desemprego. Por outro lado, o BNG esixirá o cumprimento estrito da normativa no relativo á dotación de colectores, e reclamará unha campaña de información e o incremento de colectores para a recollida selectiva e dotación de colectores para pilas e aceite no centro da vila e noutras localidades, pois neste momento soamente se poderían depositar no punto limpo. O BNG tamén lamenta que non se modificase a proposta levada ao pleno para establecer uns prazos de aboamento da débeda, cando se produza un impago.



O BNG seguirá reclamando que se leven ao Pleno todos os temas que entenda que son de interese para a cidadanía e solicitará que se conceda a palabra a un/ha representante do BNG, para tratar os temas presentados.



A implantación da taxa do lixo