Moción en apoio á querela arxentina contra os crimes do franquismo

Moción en apoio á querela arxentina contra os crimes do franquismo

Fusilamento_franquistaO BNG de Gondomar presentou unha moción pedíndolle á corporación municipal que condene a sublevación fascista dirixida por Franco, no 1936, contra o réxime republicano lexitimamente constituído no ano 1931, e o réxime ditatorial posterior que durante corenta anos reprimiu con terrorismo de Estado todo vestixio de disidencia e loita pola liberdade, a xustiza social e os dereitos das persoas, e que levou a cabo máis de 5.000 asasinatos en Galiza. Ademais, o BNG solicita do pleno do concello apoiar e adherirse á Querela 4591-10, do Xulgado Nº 1 de Bos Aires, na Arxentina, que leva adiante a maxistrada María Servini por delitos de xenocidio e lesa humanidade contra os responsábeis da conculcación dos dereitos humanos durante o franquismo.

O responsábel local do BNG de Gondomar, Álvaro Lores, indicou que “solicitamos tamén que o goberno do Estado cumpra a recomendación da Comisión de Dereitos Humanos da ONU e derrogue a Lei de amnistía de 1977 para poder xulgar os crimes do franquismo no Estado español, que o BNG xa demandou en 2011 no Congreso dos Deputados”. A recomendación da ONU que se produciu en 2009 e foi reiterada o ano pasado desde Xenebra, dita que o Estado español está obrigado, baixo a lei internacional, a investigar as graves violacións dos Dereitos Humanos, incluídas as cometidas durante o réxime de Franco, e a procesar e castigar os responsábeis se aínda estiveren vivos, indicando que as vítimas teñen dereito de reparación.

Álvaro Lores engadiu que “o réxime ditatorial, baseado na persecución e aniquilación física dos defensores e defensoras da liberdade, da xustiza social e dos dereitos das persoas, foi mantido polo exército, a oligarquía e a Igrexa católica durante os seguintes corenta anos mediante a feroz represión de calquera oposición, utilizando para iso medios que poden ser cualificados de xenocidio contra o seu propio pobo e terrorismo de Estado”.

Finalmente, o responsábel local do BNG mostrou a súa satisfacción por canto “despois de transcorrer trinta e cinco anos, unha xuíza arxentina, María Servini, leva adiante unha causa contra o franquismo e os seus protagonistas vivos, por delitos de xenocidio e lesa humanidade, delitos que nin prescriben nin poden ser amnistiados por ningún tipo de ‘lei de punto final’. Aínda sendo tramitada desde instancias internacionais, esta querela comeza a romper o muro de impunidade do franquismo, contra o que tantas persoas e organizacións sociais vimos combatendo. Resulta, por tanto, un feito de importancia transcendental na loita pola xustiza, a verdade e a reparación dos danos causados aos centos de miles de vítimas do franquismo”.