Valoración do resultado das eleccións

Valoración do resultado das eleccións

A asemblea de militantes e simpatizantes do BNG de Gondomar realizada este mércores 31 de outubro, analizou os resultados electorais do 21 de outubro e acordou agradecer publicamente os apoios recibidos polos votantes que apostaron polo BNG nas eleccións ao Parlamento Galego.

Este mércores 31 de outubro o BNG de Gondomar realizou unha asemblea aberta co obxecto de avaliar os resultados electorais do 21 de outubro. O Responsábel local, Álvaro Lores, abriu a asemblea dando traslado da análise realizada polo Consello local que valorou os resultados como moi negativos pola perda de apoios sufrida.

O Consello local constatou o esforzo da militancia do BNG de Gondomar e o fortalecemento para a organización local que significou esta campaña. Neste sentido salientouse o apoio das e dos simpatizantes que se implicaron co BNG, entre el@s persoas que até agora non deran ese paso, a quen se lles fixo un recoñecemento especial.

A asemblea valorou como elementos positivos para seguir traballando de cara ao futuro os apoios recibidos. Considerouse que manter o apoio dun número importante de votantes nun contexto xeneralizado de perda de votos e nunha localidade na que as escisións do BNG tiveron unha especial incidencia é un primeiro paso importantísimo que indica que o BNG segue contando cun electorado que apoia e aprecia o traballo realizado.

Na asemblea acordáronse novas estratexias de comunicación para que a mensaxe chegue a todo o mundo e manter o contacto constantes coas veciñas e os veciños para recoller as súas propostas e preocupacións e facelos partícipes do traballo realizado desde o BNG.

A asemblea local sinalou a importancia de contar coa opinión do conxunto da militancia e dos simpatizantes para facer chegar a mensaxe do BNG ao conxunto da sociedade.