O BNG urxe ao Goberno Municipal a constituír o Consello Municipal da Muller
O pasado 8 de marzo, con motivo do Día Internacional das Mulleres, publicáronse unhas declaracións á prensa emanadas da Concellaría de Igualdade que o Bloque Nacionalista Galego considerou totalmente lamentábeis xa que amosaban un absoluto descoñecemento por parte do goberno local en materia de igualdade, cando a única actividade deseñada dende o Concello para conmemorar o 8 de marzo consistiu nun curso de mecánica básica. Esta visión das mulleres perpetúa uns estereotipos de xénero que, se ben están infelizmente moi estendidos aínda na sociedade, non deben ser alimentados en ningún caso por un cargo público que ten como mandato promover programas de promoción da igualdade de xénero.
O BNG lamenta que no Concello de Gondomar, cuns elevadísimos índices de desemprego feminino e precariedade laboral, e cunha atención máis que deficitaria aos casos de violencia de xénero, desigualdade e marxinación das mulleres, as propostas do equipo de goberno consistan en actividades puramente anecdóticas que reforzan a visión das mulleres como seres dependentes dos homes, relegadas ao doméstico e incapaces de valerse por si mesmas. Isto non fai senón demostrar o nulo coñecemento da realidade das mulleres de Gondomar por parte do equipo de goberno e o seu completo desinterese polas políticas de igualdade.
Neste sentido, dende o Bloque Nacionalista Galego de Gondomar, consideramos que non é de recibo que, máis de oito meses despois da constitución do goberno municipal, aínda non se constituíra o Consello Municipal da Muller, en contra do prometido no acordo de goberno asinado no seu momento polas diferentes forzas políticas que conformaron o goberno (PSOE, CABE e Manifesto Miñor). A non constitución do Consello supón unha parálise de facto das políticas de igualdade e do desenvolvemento do Plan de Igualdade que o noso Concello precisa.
Por estes motivos, o BNG de Gondomar solicita do Pleno da Corporación Municipal o acordo de constituír inmediatamente e convocar o Consello Municipal da Muller para comezar a elaborar e desenvolver as verdadeiras prioridades de actuación no ámbito da igualdade para o noso Concello.