O BNG aposta por lle devolver a vida ao comercio local e de proximidade en Gondomar
Manuela Rodríguez: "É fundamental a dinamización do comercio local desde o goberno municipal con medidas que contribúan ao seu desenvolvemento e subsistencia.
Recollemos as propostas para o sector que representantes da pequena empresa local nos trasladaron no encontro realizado o mes pasado. Fixemos algo tan simple como reunirnos co sector para o escoitar, algo que non foron quen de facer nin a concelleira de comercio nin o Alcalde, acostumado a gobernar dende o Facebook.”
GONDOMAR, 18 de abril de 2023.- O BNG aposta por lle devolver a vida ao comercio local e de proximidade en Gondomar dende o convencemento de que a actividade comercial, ademais de crear postos de traballo e pular da economía local, contribúe a dar ambiente e personalidade a unha vila e incide na maior calidade de vida da súa veciñanza. “É fundamental, pois, a súa dinamización desde o goberno municipal con medidas que contribúan ao seu desenvolvemento e subsistencia”, indica a portavoz municipal e candidata do BNG á vindeiras municipais.
O BNG considera lamentábel que na actualidade, con máis xente que nunca vivindo en Gondomar, haxa a diario menos xente na rúa, menos actividade social e económica e menos servizos. “Diante deste persistente e continuado peche de negocios na vila, está a coller corpo no sector a consideración de que Ferreira vai pasar á historia por ser o alcalde que acabou coa vida comercial de Gondomar”, apunta Rodríguez.
Nun vídeo que a organización nacionalista vén de presentar, recóllese un resumo de moitas das preocupacións que representantes do sector trasladaron na reunión coa Portavoz de Comercio no Parlamento galego, Carmela González, celebrada o pasado mes de marzo e na que se analizou a situación comercial na zona urbana do concello e tamén nas parroquias, que viron como desaparecían case todas as tendas e negocios.
Desde o BNG explican que recolleron as propostas para o sector que representantes da pequena empresa local lles trasladaron, “e fixemos algo tan simple como reunirnos para o escoitar. Algo que non foi quen de facer o actual goberno local, nin sequera nos peores momentos cando a pandemia os mantivo fechados”.
“No BNG apostamos pola dinamización do comercio e do emprego local” a través da posta en marcha dun centro comercial aberto que agrupe os establecementos do pequeno comercio, tamén o tradicional ou artesanal, situados nas rúas das zonas urbanas de Gondomar, de xeito que ofrezan unha imaxe e estratexia unitaria da oferta ampla e diversa, con servizos comúns e colectivos. Dende a realización de actividades, comunicacións ou campañas de promoción unitarias, a edición de tarxetas ou bonos, o servizo de venda online, até uso gratuíto de carriños da compra comunitarios.
Para o BNG as visitas periódicas aos establecementos serán de obrigado cumprimento, “porque non se pode gobernar dende o Facebook nin dende un despacho”, e só se pode realizar unha axeitada acción de goberno coñecendo de primeira man os problemas e as necesidades do comercio local “que non se resolven colocando bancos intelixentes na rúa”.
Nesa liña, consideran tamén imprescindible o impulso do Consello Municipal do Comercio como órgano consultivo e de elaboración de propostas sobre plans, proxectos e iniciativas de actuación municipal no ámbito comercial, onde teñan participación todos os colectivos implicados, tanto económicos e sociais como de consumo. “Ese é o noso compromiso co pequeno comercio local”, indican desde o BNG, “para devolver a vida á vila de Gondomar”.