O BNG desenvolve en Gondomar a súa campaña nacional de apoio ao pequeno comercio e á hostalaría

A Portavoz Municipal, Manuela Rodríguez, entrega nos establecementos a moción que levará a pleno en

demanda de medidas efectivas de protección a estes sectores

O BNG desenvolve en Gondomar a súa campaña nacional de apoio ao pequeno comercio e á hostalaría

O BNG desenvolveu na mañá deste sábado en Gondomar a súa campaña nacional de apoio ao pequeno comercio e a hostalaría visitando unha trintena de establecementos da Vila.

Nestas visitas, a Portavoz Municipal do BNG, Manuela Rodríguez, tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as problemáticas concretas de comerciantes e hostaleiros/as, maioritariamente autónomos, aos que o peche total ou parcial dos locais supón a desaparición ou redución de ingresos que lles impide poder facer fronte aos gastos fixos que implica ter un negocio: alugueiro, luz, auga, electricidade, seguros, impostos, salarios.

Rodríguez fíxolles entrega da moción presentada polo BNG no concello para a seu debate no vindeiro pleno e na que se propón a aprobación de diversos acordos encamiñados a protexer a comercio e hostalaría: demandar do goberno da Xunta e do goberno local, con cargo aos orzamentos para 2021, a posta en marcha dun plan de axudas directas, extraordinario e urxente, para a hostalaría, abrir unha liña de axudas directas para afrontar a caída de ingresos, tamén a través dunha fiscalidade xusta para o pequeno e mediano comercio, elaborar un plan de aprazamento, fraccionamento ou condonación dos impostos, recibos e taxas en función das situacións concretas de cada establecemento pechado en cumprimento das medidas tomadas para frear a pandemia.

A campaña do BNG, moi ben recibida en Gondomar, vai acompañada do reparto dun cartaz co lema “Aquí consumes mellor, consumes local” facendo un chamamento a galegas e galegos en xeral, e aos gondomarenses en particular, a que "todo o ano, e especialmente agora co Nadal ás portas, aposte por mercar no comercio local, como forma de apoiar ao país nun momento de crise sen precedentes".

A actividade da hostalaría e o comercio, ademais de crear postos de traballo, axuda a dar ambiente e personalidade á vila de Gondomar e incide na maior calidade de vida da veciñanza, polo que é preciso que se tomen MEDIDAS URXENTES que permitan a súa subsistencia”, recalca a voceira do BNG.

BNG Gondomar.

O BNG desenvolve en Gondomar a súa campaña nacional de apoio ao pequeno comercio e á hostalaría