O BNG insta ao Alcalde a iniciar a plataforma de venda on-line ao mesmo tempo para todo o comercio local
Manuela Rodríguez: “Facelo só para a hostalaría ven ser unha discriminación por razón de actividade comercial”.
A organización nacionalista exixe novamente a celebración dun pleno ordinario no que aprobar un paquete de medidas para paliar os efectos da crise no concello.
A Portavoz Municipal do Bloque Nacionalista Galego en Gondomar, Manuela Rodríguez, ven de dirixir un escrito ao Alcalde instándoo a facer extensíbel a oferta da plataforma ao mesmo tempo para todo o comercio local que o desexar.
Desde o BNG indican que as librarías, mercerías, tendas de roupa, de electrónica, de calzado e outras, tamén están pechadas, levan o mesmo tempo sen poder abrir e teñen os mesmos problemas económicos. E é igual de factible vender por internet comidas preparadas que libros, roupa, calzado, produtos de ferretería, bazar, rotulación, cosmética, etc. Mesmo é moi posíbel que a veciñanza teña necesidade deses productos.
“Se tal como anuncia o Alcalde, tamén se vai ofertar ao resto do comercio local, non se entende por que non se fai para todas as actividades comerciais ao mesmo tempo, posibilitando así que todas se poidan beneficiar desa plataforma á maior brevidade”, argumenta a concelleira. “Non facelo así ven ser unha discriminación por razón da actividade comercial que se realiza”.
O BNG considera que as medidas para minorar os efectos da crise no concello de Gondomar deberían ser postas en común co conxunto das forzas políticas en colaboración con todos os axentes sociais e económicos do concello, co obxectivo de conformar un verdadeiro Plan de reactivación económica naquelas cuestións de competencia municipal, e non ir improvisando actuacións ou copiando as doutros sen o necesario estudo e valoración previos.
Mais para tomar acordos e aprobar medidas compre reunir ao pleno da corporación. Polo que “exiximos do Alcalde que deixe de atrasar a convocatoria escusándose en que “a Deputación non lle dá resolto o mecanismo” para realizar as reunións por vídeo conferencia, cando noutros concellos da contorna que utilizan o mesmo xa están a celebrar as súas sesións sen problema. Coa súa actitude está a confinar tamén a democracia no noso concello”.
BNG Gondomar.