O BNG esixe dos gobernos da Xunta e de Gondomar a garantía inmediata da prestación servizo de comedor escolar no vindeiro curso
Carmela González, deputada do BNG no Parlamento galego, e a portavoz municipal, Manuela Rodríguez, reuníronse con representantes das ANPAs de Gondomar para abordar a situación provocada pola deixamento de funcións de ambas administracións.
O BNG esixe aos gobernos da Xunta e do Concello de Gondomar que, sen máis dilación, garantan a prestación do servizo de comedores escolares no vindeiro curso 2021-2022. Así o defendeu no encontro telemático mantido con representantes das ANPAs de Gondomar onde analizaron a situación provocada polo deixamento de funcións das administracións que dende o curso 2013-14 anos viñan mantendo un convenio de colaboración para a prestación do servizo.
A Xunta de Galiza ten competencias plenas en materia educativa polo que debe prover a prestación deste servizo público educativo ao alumnado de primaria e secundaria obrigatoria e de segundo de educación infantil, tal como recolle o decreto 132-2013 da propia Xunta de Galiza. Pola súa banda, o Concello, que actualmente xestiona o servizo, tiña que ter abordado con máis antelación a súa decisión de non continuar coa xestión e ter esixido á Xunta que se fixera cargo dela.
“Porque exercer o goberno non se pode reducir a manifestar que non se quere seguir co convenio sen buscar unha alternativa, como está a facer o goberno local do Sr Ferreira; nin, tendo a obriga de prestar o servizo, tentar endosarllo as familias como pretende o goberno galego do Sr. Feijóo presionando ás ANPAs a través das direccións dos centros”, indica Rodríguez.
A portavoz municipal do Bloque tamén denuncia que hai case quince días que a concelleira Nuria Lameiro e o Alcalde anunciaron unha reunión coas ANPAs, máis a día de hoxe aínda non está fixada, o que “vén demostrar, máis unha vez, a súa incompetencia. E o que é peor, o desleixo co que tratan este tema que non consideran importante, tal como afirmou o Alcalde ante as preguntas da voceira do BNG no pleno do pasado 4 de abril.”
O BNG presentará iniciativas no Parlamento e no Concello
Froito da reunión da deputada do BNG, Carmela González, e a portavoz municipal no concello, Manuela Rodríguez, con representantes das ANPAs, resultou o acordo de trasladaren sendas iniciativas ao Parlamento galego e ao Pleno municipal, respectivamente. Nelas, o BNG instará a Xunta e Concello a garantir a prestación do servizo de comedor nos colexios de Gondomar, “a non asunción deste servizo por parte da administración pública constituiría un claro abandono das familias e ás súas crianzas”, afirma González.
A deputada do BNG esíxelle á Xunta que disipe a dúbida de se os colexios de Gondomar van ter ou non eses servizos fundamentais para as familias e que marcan a diferencia á hora de elixir o centro ao que enviar as súas crianzas. Para evitar que a falla de servizos de conciliación como o comedor escolar e as aulas matinais provoque o desvío de alumnado a colexios de concellos limítrofes -en moitos casos colexios privados concertados-, coa conseguinte baixada de matrícula nos colexios públicos de Gondomar, ou a privación dese dereito a aquelas familias quen non se poden permitir ese desprazamento.
BNG Gondomar.