O ALCALDE ANUNCIOU XA A FINAIS DE 2020 QUE NON ÍA RENOVAR O CONVENIO COA XUNTA MAIS HOXE, A MENOS DE TRES MESES DA MATRÍCULA, NIN ANPAS NIN CENTROS EDUCATIVOS SABEN AÍNDA QUE VAI PASAR CON ESES SERVIZOS.
O BNG insta aos Gobernos de Gondomar e da Xunta a explicar ás familias que vai pasar cos comedores escolares e as aulas madruga no vindeiro curso 2021-2022
Manuela Rodríguez: “Se van mudar o modelo de xestión, que o fagan con tempo e sen improvisacións. Non vaian deixar tiradas as familias como pasou neste curso coas aulas matinais.”
O BNG de Gondomar insta aos Gobernos de Gondomar e da Xunta a explicar ás familias que vai pasar cos comedores escolares e as aulas madruga no vindeiro curso 2021-2022. O Alcalde xa anunciara a finais de 2020 que non ía renovar o convenio coa Xunta, mais a día de hoxe nin ANPAs nin centros educativos saben aínda que vai pasar con eses servizos.
Rematado xa o prazo para reserva de prazas nos centros públicos para o alumnado de infantil, primaria e secundaria no vindeiro curso 2021-2022, e a menos de tres meses do inicio dos prazos de matrícula, nin o goberno local nin o galego deron conta de quen ou como se van xestionar os comedores escolares e as aulas madruga.
Independentemente de quen xestione o servizo, o BNG insta “ao goberno socialista do Sr. Ferreira e ao popular do Sr. Feijóo a que, en colaboración coas direccións dos centros, resolvan os problemas de espazo derivados da implantación dos protocolos COVID e ofrezan solucións que permitan o uso do servizo do comedor a todas as familias que o soliciten e que aseguren a viabilidade do servizo, sen que ningún alumnado quede fora e sen que se vexa incrementado o prezo a abonar polas familias, como ocorreu no presente curso.”
Estes servizos ademais de seren esenciais para a conciliación familiar e laboral, son necesarios para o alumnado das zonas máis afastadas dos centros de ensino, e, en moitos casos, a única garantía dunha boa alimentación, polo que “se van mudar o modelo de xestión, que o fagan con tempo e sen improvisacións”, demanda a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez. E engade: “non vaian deixar tiradas as familias como pasou neste curso coas aulas matinais, compromiso adquirido ao inicio de curso pola Concellería de Benestar Social e que figura ademais como un dos obxectivos do Plan de Igualdade da Concellería de Igualdade, ambas xestionadas pola tenente de alcalde, a socialista Nuria Lameiro.”
BNG Gondomar.