O Goberno de Gondomar rexeita unha moción do BNG que solicitaba o apoio municipal ás familias de alumnado de infantil e primaria diante do abandono de competencias na xestión do inicio do curso por parte da Xunta
No pleno celebrado o xoves día 1 de outubro, o goberno de Gondomar votou en contra dunha moción do BNG que solicitaba o apoio municipal ás familias de alumnado de infantil e primaria diante do abandono de competencias por parte da Consellería de Educación.
Como é coñecido o conxunto da comunidade educativa amosou o seu rexeitamento ao protocolo de adaptación ao contexto da COVID19 nos centros de ensino para o curso escolar 2020-2021, proposta elaborada e aprobada unilateralmente pola Consellaría de Educación que se negou a negociar as medidas nel previstas así como os recursos necesarios para a súa implantación. Un texto que a Xunta de Galiza elaborou primando os criterios económicos por riba da calidade educativa e as garantías sanitarias, impoñéndolle a responsabilidade da súa planificación e execución ao persoal directivo, ao profesorado e ás familias.
Tamén aos Concellos, que teñen que facerse cargo da prestación e sobrecusto de certos servizos, sen que a administración competente en materia sanitaria e educativa, a Xunta de Galiza, asuma ningunha delas. O BNG ten claro que deberá ser a Xunta quen finalmente asuma os custes da implantación dos protocolos, porén, “desde os concellos deberanse realizar todos os esforzos necesarios para asumilos inicialmente e non deixar as familias na estacada”, afirma a Portavoz Municipal do BNG, Manuela Rodríguez.
“Desde o BNG consideramos que a xestión do goberno municipal neste inicio do curso escolar non está a altura do que as familias agardan del”. Así, non está a cumprir coas normas sanitarias de desinfección nas aulas do CRA de Chaín, Vilaza, Couso e Morgadáns; non realizou as suficientes xestións para habilitar novos espazos que permitiran ampliar o aforo dos comedores escolares e incrementou en case 1€ o prezo por menú; non cumpriu o seu compromiso coas ANPAs para buscar fórmulas que permitan o mantemento e xestión das Aulas Madruga, tan necesarias para a conciliación.
A moción do BNG, que foi rexeitada polo Alcalde e o seu grupo, solicitaba do Pleno o acordo de instar ao goberno do Concello de Gondomar a:
1. Cumprir sen máis demora a obriga de realizar a limpeza dos espazos comúns e baños de todas as aulas do Colexio Rural Agrupado CRA Antía Cal de Gondomar cando menos en dúas veces por xornada lectiva tal como recolle o protocolo COVID da Consellería de Educación da Xunta de Galiza.
2. Restablecer o prezo do menú dos comedores anterior á subida do inicio de curso.
3. Restablecer o horario de atención do alumnado usuario dos comedores escolares até as 16:30 horas como en cursos anteriores, para facilitar a
conciliación das familias.
4. Facerse cargo da xestión ou dar o apoio necesario para que se poidan xestionar e por en marcha as Aulas Madruga en todos os colexios do concello.
5. Facerse cargo da xestión ou dar o apoio necesario para que se poida xestionar e por en marcha das actividades extraescolares, instando á Xunta a lles dar ás ANPAs cobertura xurídica para a prestación dese servizo complementario da conciliación.
6. Convocar as reunións da Comisión de Seguemento da Covid acordando cos representantes da comunidade educativa -equipas directivas dos centros de
ensino, persoal docente e non docente, ANPAs-, día e horario que posibilite a participación de representantes.
7. Crear, á maior brevidade posíbel, o Consello Escolar Municipal de Gondomar como organismo consultivo que reúna a representantes da
comunidade educativa do concello para establecer a necesaria interlocución desta co goberno municipal e que este poida coñecer de primeira man as
necesidades dos diferentes sectores do ensino.
BNG de Gondomar.