O BNG insta a Xunta e Concello a garantir, con urxencia, o servizo de comedor para o CRA Antía Cal de Gondomar
O goberno da Xunta volve ignorar ás familias do alumnado de infantil do colexio rural: nin lles dá o servizo para as crianzas, nin facilita que poida prestalo o Concello. O goberno local incumpre as promesas electorais e traslada ás familias que a solución vai para longo.
Gondomar, 1 de setembro de 2023.- O BNG insta a Xunta e Concello a garantir, con urxencia, o servizo de comedor para o CRA Antía Cal de Gondomar. O goberno da Xunta volve ignorar ás familias do alumnado de infantil do colexio rural: nin lles dá o servizo para as crianzas, nin facilita que poida prestalo o Concello. Pola saú banda, o goberno local incumpre as promesas electorais e traslada ás familias que a solución vai para longo.
“A dez días do inicio de curso, nin está garantido o servizo de comedor para o colexio rural nin está rematado o arranxo da súa aula de Couso. Xunta e Concello volven desatender as súas competencias e deixan tiradas as familias”, denuncia a Portavoz Municipal do BNG, Manuela Rodríguez.
A Xunta do PP ignora ás familias
Malia que a competencia de prestación do servizo de comedores escolares lle corresponde á Xunta de Galiza, segundo fontes municipais a administración educativa galega négase a se poñer en contacto co goberno local de Gondomar para dar solución ás familias do alumnado do CRA Antía Cal.
Así, en marzo deste ano, durante unha concentración das familias para demandar o comedor, o Alcalde manifestoulles que levaban dende novembro de 2022 agardando pola resposta da Xunta. E na reunión mantida coas familias o pasado mes de agosto, desde o goberno local afirman que seguen sen reposta da Xunta.
E vergoñento que, malia o Decreto da Xunta de Galiza polo que se regulan os comedores escolares recolla que a administración educativa debe potenciar que os centros ofrezan servizos complementarios e de conciliación, como o comedor escolar, a Consellaría de Educación decida abandonar ás familias.
O goberno local do PSOE tampouco cumpre a súa palabra
No mes de abril, en plena pre-campaña das eleccións municipais, Paco Ferreira afirmou nos medios de comunicación que o Concello preparaba un comedor escolar para o CRA , na vivenda anexa á aula de Peitieiros, e declaraba que ‘as obras poderían executarse en dous meses, durante o verán’. Aínda que o daquela candidato a alcalde afirmaba que a intención era asinar un convenio coa Consellería de Educación para a axuda económica para as obras e para xestión do servizo de comedor a través do catering, tamén recalcaba que ‘se a Xunta non arrima o ombro, o Concello asumirá o proxecto’. “Mais todo quedou en promesas electorais”, lamenta Rodríguez.
Por outro lado, o goberno local tampouco cumpriu o seu compromiso de arranxar a aula de Couso antes do inicio de curso. Así, aínda que xa remataron os traballos da aula de clase, a día de hoxe non hai data prevista para acometer o arranxo da aula denominada ‘de movemento’ nin o da entrada.
Posición e accións do BNG
O BNG seguirá a loitar para frear o intento da Xunta do Partido Popular de acabar cos colexios rurais agrupados e a derivación do alumnado de educación infantil desas aulas parroquiais a colexios de primaria. “Defenderemos, non só a restitución do servizo na aula de Peitieiros e a ampliación do mesmo as aulas das parroquias de Chaín, Couso, Morgadáns e Vilaza, senón tamén a pervivencia do propio CRA”, afirma a voceira do Bloque, “e manteremos a demanda das aulas matinais en todos os centros educativos como outro servizo esencial para a conciliación”, engade.
E por iso que, ademais dunha iniciativa parlamentar para esixir o mantemento do servizo de comedor “dun goberno galego que deserta das súas competencias”, o BNG presentará unha iniciativa a nivel municipal para esixir medidas “dun goberno local que nin lle planta cara á Xunta nin mostra capacidade de dar solucións propias”, indica a edil nacionalista.