O BNG levará ao Parlamento galego a demanda de manter o servizo de comedor do CRA Antía Cal de Gondomar

PlenoGondomar
PlenoGondomar

O goberno da Xunta, que este curso xa deixou sen servizo a varias familias de Peitieiros, única aula con ese dereito, pretende eliminalo por completo

O Bloque instará tamén ao goberno local no vindeiro pleno municipal a prever unha dotación económica para evitar o desmantelamento do servizo

Manuela Rodríguez: “En pleno período de reserva de prazas para o vindeiro curso, urxe garantir o servizo de comedor no colexio rural. Esiximos que Xunta e Concello se deixen de acusacións mutuas e liortas partidistas e dean xa a solución que as familias precisan”

O BNG levará ao Parlamento galego a demanda de manter o servizo de comedor do CRA Antía Cal de Gondomar

Gondomar, 13 de marzo de 2023.- O BNG levará ao Parlamento galego a demanda de manter o servizo de comedor do Colexio Rural Agrupado Antía Cal de Gondomar. O goberno da Xunta xa deixou sen servizo durante este curso a varias familias de Peitieiros, única aula con ese dereito, e pretende suprimilo por completo.

Malia que o Decreto da Xunta de Galiza polo que se regulan os comedores escolares recolle que a administración educativa debe potenciar que os centros ofrezan servizos complementarios, como o comedor escolar, co fin de ‘favorecer que amplíen a súa oferta educativa para atender as novas demandas sociais’, tamén aquelas que constitúen un ‘importante instrumento para a conciliación da vida laboral e familiar’, a Consellaría de Educación decidiu abandonar ás familias, e tampouco cumpriu co suposto compromiso de establecer un convenio co Concello para manter o servizo a todas as crianzas da aula de Peitieiros que o precisaran.

O máis grave é que, a xulgar por varias declaracións de cargos locais e do goberno galego, semella estar na folla de ruta do PP a eliminación de propio colexio de educación infantil e a derivación do alumnado das parroquias adscritas a el a colexios de primaria.

Ante esta situación o Bloque demandará no Parlamento galego, a través da deputada nacionalista Carmela González, non só a restitución do servizo na aula de Peitieiros e a ampliación do mesmo tamén as aulas das parroquias de Chaín, Couso, Morgadáns e Vilaza, senón tamén a garantía de pervivencia do propio CRA.

Pola súa banda, a portavoz municipal e candidata do BNG ás vindeiras municipais, Manuela Rodríguez, instará tamén ao goberno local no vindeiro pleno municipal a prever unha dotación económica para evitar o desmantelamento do servizo. Farao a través dunha proposta de incorporación dunha nova partida de gastos financiados con remanente de tesourería, dentro da modificación orzamentaria que o goberno local levará a pleno “se é que algunha vez se convoca, porque levamos dous meses de atrasos”, indica Rodríguez.

Desde o BNG consideran que, estando en pleno período de reserva de prazas para o vindeiro curso, urxe garantir o servizo de comedor no colexio rural, polo que “esiximos que Xunta e Concello se deixen de liortas partidistas e acusacións mutuas nos medios de comunicación, e que dean, dunha vez por todas, a solución que as familias precisan”.

O BNG levará ao Parlamento galego a demanda de manter o servizo de comedor do CRA Antía Cal de Gondomar