A FORMACIÓN NACIONALISTA INSTA O GOBERNO LOCAL A CUMPRIR A ORDENANZA MUNICIPAL DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA, E PRESENTA UNHA BATERÍA DE PROPOSTAS DE FOMENTO DE USO DA LINGUA

Co gallo do Día das Letras, o BNG anima a desconfinar o galego

BNGLoveOGalego
Co gallo do Día das Letras, o BNG anima a desconfinar o galego

Co gallo do Día das Letras Galegas, que tivo lugar o pasado domingo día 17 e que este ano se adicaba ao escritor e filólogo Ricardo Carvalho Calero, o Bloque Nacionalista Galego presentou unha iniciativa na que se insta ao goberno local a cumprir a Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística aprobada no pleno do mes de xaneiro. Nese senso, a súa portavoz municipal, Manuela Rodríguez, presentou unha batería de propostas de promoción do uso do galego. Entre elas:

- creación dun Servizo de Normalización Lingüística con dotación orzamentaria e persoal estábel suficiente para desenvolver o traballo previsto na Ordenanza;

- adopción de medidas que garantan o uso do galego por parte da administración local en todas as súas comunicacións públicas;

- creación dun Consello Social da Lingua conformado por todos aqueles axentes sociais implicados na normalización e dinamización do galego;

- apoio ás iniciativas das entidades culturais que promoven a lectura e o uso da lingua galega no noso concello;

- adquisición por parte do Concello literatura en galego, a comezar pola de autoría galega, nas librarías de Gondomar para distribuír nos centros de ensino e actualizar os fondos da Biblioteca municipal, tamén como medida de apoio económico ao sector cultural galego e ao pequeno comercio local;

- acordo para instar á Xunta de Galiza e á Real Academia Galega a ampliar ao ano 2021 a dedicación do Día das Letras Galegas a Carvalho Calero, que este ano non puido ser debidamente homenaxeado polo confinamento decretado polo Estado de alarma.

O galego leva demasiado tempo confinado”, denuncia Manuela Rodríguez Pumar, a responsábel local do BNG de Gondomar. “As administracións públicas, que teñen a obriga legal de defender e promover a lingua propia, con demasiada frecuencia actúan en sentido contrario, como axentes desgaleguizadores e promotores do auto-odio que nos nega como pobo. É inadmisíbel, e tamén ilegal, que un presidente da Xunta ou un alcalde falen en español no exercicio do seu cargo. Exixámoslles que respecten os nosos dereitos lingüísticos. Desconfinemos o galego!

BNG Gondomar.

Co gallo do Día das Letras, o BNG anima a desconfinar o galego