O BNG de Gondomar chama a participar na manifestación nacional pola lingua convocada por Queremos Galego para o 23F

A plataforma de defensa da nosa lingua anima a cidadanía a transformar a emerxencia lingüística en forza reparadora, o domingo Día de Rosalía, reclamando Lingua vital xa!
Haberá autobús con saída desde A Ramallosa ás 9:45h cun custo simbólico de 5€
GONDOMAR, 17 de febreiro de 2025.- O BNG de Gondomar chama á veciñanza do Val Miñor a participar na manifestación nacional pola lingua convocada por Queremos Galego para o domingo 23 de febreiro. A plataforma de defensa da lingua anima á cidadanía a transformar a emerxencia lingüística en forza reparadora, reclamando Lingua vital xa!
A manifestación sairá ás 12h deste domingo, Día de Rosalía, desde a Alameda de Compostela e rematará no Obradoiro. Para facilitar o desprazamento haberá autobús con saída da Ramallosa ás 9:45h e cun custo simbólico de 5€.
Os recentes datos feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística sobre coñecemento e uso do idioma galego constatan a situación crítica que está a atravesar a nosa lingua. Unha situación de emerxencia que é a consecuencia dunha política lingüística discriminatoria e excluínte aplicada nos últimos quince anos de goberno do Partido Popular na Xunta da Galiza.
E as consecuencias están á vista. O galego non só descende bruscamente no uso habitual, perdendo a súa condición de lingua máis falada na Galiza, senón que mesmo se descoñece nas franxas de idade máis novas: o 32,4% das nenas e nenos entre 5 e 14 anos non son quen de se expresar en galego. Poden entendelo, mais non falalo aínda que queiran, porque non o dominan. Este é o resultado práctico desas políticas. Até o Consello de Europa ou a propia ONU teñen dirixido advertencias á Xunta de Galiza instándoa a mudar a actitude sobre o galego.
“Mais esta situación do noso idioma é reversíbel”, afirman desde o BNG, e consideran que o futuro da lingua “depende da nosa vontade colectiva como galegas e galegos”. As nacionalistas acreditan en que “o galego ten futuro se o compromiso coa normalización do noso idioma é real e asumido por toda a sociedade, comezando polas institucións galegas, tamén as locais”.
O pleno municipal asume o compromiso coa lingua
Entre as accións do BNG encamiñadas impulsar o avance na normalización da lingua galega está a presentación dunha moción nos concellos. No caso de Gondomar a iniciativa foi aprobada coa única abstención do Partido Popular.
A moción recolle entre os seus acordos que o Concello de Gondomar se reafirme na defensa do galego como patrimonio colectivo e no dereito da lingua a ser coñecida e usada pola poboación en calquera circunstancia e lugar, sen discriminación de ningún tipo. Nese sentido o goberno local comprométese a revisar a súa actuación en materia lingüística adecuándoa á lexislación galega e á ordenanza de normalización lingüística do propio concello. Así mesmo acórdase que o Concello de Gondomar se adhira á plataforma Queremos Galego, apoiando ás súas iniciativas sociais, entre elas a manifestación do vindeiro domingo.