O BNG chama a participar no acto nacional pola lingua convocado por Queremos Galego para este domingo

PresentaActoNacionalLinguaQG_17N24
PresentaActoNacionalLinguaQG_17N24

Baixo o lema Mudemos o rumbo. Polo futuro do galego, a mobilización responde á situación de emerxencia lingüística que os últimos datos do IGE veñen de certificar, consecuencia da expulsión e exclusión do galego de todos os ámbitos da vida social

Haberá autobús desde A Ramallosa ás 9:45h cun custo simbólico de 5€.

O BNG chama a participar no acto nacional pola lingua convocado por Queremos Galego para este domingo

Gondomar, 14 de novembro de 2024.- O Bloque Nacionalista Galego (BNG) chama á veciñanza do Val Miñor a participar na mobilización pola lingua convocada por Queremos Galego para as 12h deste domingo, 17 de novembro, na Praza da Quintana en Compostela. Para facilitar o desprazamento haberá autobús con saída da Ramallosa ás 9:45h e cun custo simbólico de 5€.

A plataforma cidadá Queremos Galego convoca este gran acto aberto a todas as entidades e persoas interesadas na defensa da lingua o vindeiro domingo baixo o lema Mudemos o rumbo. Polo futuro do galego. Unha mobilización que responde aos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), que “veñen certificar a emerxencia linguística extrema que vive a nosa lingua, como consecuencia de non se ter actuado sobre a expulsión e exclusión do galego de todos os ámbitos da vida social”, como expresa o voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira.

Os recentes datos feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística sobre coñecemento e uso do idioma galego constatan a situación crítica que está a atravesar a nosa lingua. Esta situación que se pode cualificar de emerxencia, é a consecuencia dunha política lingüística discriminatoria e excluínte aplicada nos últimos quince anos de goberno do Partido Popular na Xunta da Galiza.

Un período que provocou que o galego non só descendera bruscamente no uso habitual, perdendo a súa condición de lingua máis falada na Galiza, senón que mesmo se descoñeza nas franxas de idade máis novas: o 32,4% das nenas e nenos entre 5 e 14 anos non son quen de se expresar en galego. Eis é o resultado práctico desas políticas que xa ten provocado advertencias á Xunta de Galiza por parte do Consello de Europa ou da ONU.

Mais esta situación do noso idioma é reversíbel. E por iso que a Plataforma Queremos Galego anima a toda sociedade galega a se mobilizar por un novo rumbo para unha lingua con futuro. Así, fixanse como obxectivos mínimos de acción positiva a vixencia dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua, a elaboración dun calendario de acción 2024-2027 para a aplicación e actualización de todas as medidas do Plan, a dotación dos recursos necesarios para levalo adiante, e que este calendario contemple a avaliación dos resultados das medidas precisas, estabelecendo algunhas con caracter inmediato.

O BNG chama a participar no acto nacional pola lingua convocado por Queremos Galego para este domingo