O BNG de Gondomar reclama do goberno local a celebración do Día de Rosalía
O BNG de Gondomar reclama do goberno local a celebración do Día de Rosalía, este xoves 23 de febreiro, en cumprimento do apoio unánime da Corporación municipal á moción presentada polo BNG en febreiro de 2020, que instaba a institucionalizar esa data.
Gondomar, 20 de Febreiro de 2022.- O BNG de Gondomar reclama do goberno local a celebración do Día de Rosalía, este xoves 23 de febreiro, en cumprimento do apoio unánime da Corporación municipal á moción presentada polo BNG en febreiro de 2020, que instaba a institucionalizar esa data.
A día de hoxe nada hai publicado a respecto desta data en que as galegas e galegos celebramos a efeméride do nacemento de Rosalía Castro, a escritora máis representativa das letras galegas e unha das referentes da literatura universal de todos os tempos. A súa obra e pensamento asumiron a voz do noso pobo, reclamando a redención da patria galega, a reivindicación do idioma propio, a denuncia da emigración ou da discriminación da muller.
A difusión do coñecemento da súa obra é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas que colectivamente contribuímos a coeducar, sendo a súa palabra, feita poesía ou prosa reflexiva, un dos procedementos máis eficaces para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural.
“Lamentamos que para este 23 de febreiro o goberno non emprendera e apoiara a realización de actividades de promoción da obra da nosa escritora que implicaran ao conxunto dos veciños e veciñas do noso concello”, indica a Portavoz municipal e candidata do BNG, Manuela R. Pumar. “Máxime despois de despregue de medios que o Alcalde mostrou na re-inauguración da Praza de Rosalía. Este desleixo vén a confirmar o que xa sospeitabamos, o que festexaba Ferreira non era á Poeta senón a actuación urbanística”.
Por esa razón, a organización nacionalista levará de novo ao pleno a institucionalización do Día de Rosalía para solicitar o compromiso mínimo da realización dunha lectura pública da obra rosaliana onde alumnado dos centros escolares e persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan o papel protagonista, e o agasallo de libros de autoras/es en lingua galega, comprados en librarías situadas no concello, ao alumnado daqueles centros de ensino que fagan actividades de celebración desa data.
O BNG, pola súa parte, chama a toda a veciñanza de Gondomar a participar nas actividades e actos que fagan cada vez máis visible a figura de Rosalía en todas as súas facetas, incidindo na clara vixencia dos seus diferentes discursos e na importancia das súas reivindicacións na actualidade. Nomeadamente nas lecturas públicas da obra rosaliana que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) convoque para estes días.