INCUMPRINDO A CARTA EUROPEA DAS LINGUAS MINORITARIAS
O BNG denuncia que o goberno do Estado non atendeu reclamacións de veciñas e veciños de Gondomar por estaren escritas en galego
As queixas, recollidas pola Plataforma Gondomar Fibra Xa! en relación ao deficiente servizo de internet no concello, foran presentadas no Instituto Galego de Consumo e foi a Xunta quen as derivou á Secretaría de Estado de Telecomunicacións.
Gondomar, 5 de febreiro de 2022.- O BNG denuncia que o goberno do Estado non atendeu reclamacións de veciñas e veciños de Gondomar por estaren escritas en galego.
As queixas, recollidas pola Plataforma Gondomar Fibra Xa! en relación ao deficiente servizo de internet no concello, foran presentadas no Instituto Galego de Consumo e foi este quen as derivou á Secretaría de Estado de Telecomunicacións, desentendéndose do tema. A comunicación que as persoas reclamantes están a recibir desa secretaría di, literalmente, que o motivo da devolución é “falta de traducción del escrito de reclamación”, ao tempo que lles esixen presentar un novo “debidamente traducido al castellano” no prazo de dez días, requisitos que provocarán que moitas reclamacións decaian.
“Todo isto semella unha manobra de distracción para tapar o incumprimento de ambas administracións na implantación da fibra óptica en Gondomar”, lamenta a portavoz municipal do Bloque, Manuela Rodríguez.
O BNG xa puxo este caso en coñecemento da Liña do Galego, servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística que atende consultas sobre dereitos lingüísticos e tramita queixas cara a institucións que os vulneran. Nese sentido, desde o BNG lémbranlle ao goberno do Estado o compromiso, asinado hai xa trinta anos, coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias. Este tratado europeo di no artigo 10.3, referido ás autoridades administrativas e servizos públicos, que o Estado se compromete a admitir a presentación de escritos e a emitir respostas nesas linguas, debendo adoptar as medidas necesarias para o poder cumprilo.
Rodríguez explica que denuncian esta situación “por considerarmos un déficit democrático que nun estado plurinacional e plurilingüístico non teñan recoñecemento legal as distintas linguas oficiais nel existentes, neste caso o galego, e que se vulnere o dereito a dirixírmonos no noso idioma a administración do estado.”
Asemade, desde o BNG consideran que o goberno da Xunta debería dar explicacións por ter trasladado as reclamacións ao Ministerio de Transformación Dixital sen previa autorización de quen as presentou ao Instituto Galego de Consumo. E tamén o goberno do Estado, por esixir aos particulares a tradución de escritos cando foi a administración galega quen llos remitiu.
A organización nacionalista levará adiante, a través da deputada no Parlamento galego, Carmela González, e deputado no Congreso, Néstor Rego, iniciativas tanto na defensa dos dereitos lingüísticos do pobo galego, como no sentido de evitar que as xustas reclamacións veciñas e veciños de Gondomar se dean por desestimadas. Todas as accións e os seus resultados serán trasladados á Plataforma Gondomar, Fibra Xa! como colectivo social que representa ao conxunto da veciñanza.