A ORGANIZACIÓN NACIONALISTA CONFÍA EN QUE O GOBERNO DE GONDOMAR MANTEÑA UNHA POSICIÓN FIRME NA DEFENSA DA LINGUA
O BNG ve na denuncia polos sinais en galego un ataque do Estado aos dereitos lingüísticos de Galiza
O Bloque Nacionalista Galego califica a denuncia da Garda Civil contra o Concello de Gondomar, por uns sinais rotulados en galego, como un signo máis do ataque sistemático aos dereitos lingüísticos do pobo galego por parte do Estado.
Porque a pesar de que hai máis de 30 anos que existen normas legais que establecen que, en Galiza, o galego ten que estar presente nas diversas sinalizacións públicas, son moitos os exemplos nos que se continúa a excluír maioritariamente o galego: edificios do Estado (as comisarías da Policía Nacional, as delegacións da Axencia Tributaria, os cuarteis da Garda Civil…), da Xunta (hospitais), en concellos, e a maioría das estradas, autovías ou autoestradas.
Por que nestes casos non se denuncia o incumprimento da lei? Por que a Garda Civil, que incumpre a lexislación ao non utilizar o galego como lingua oficial, denuncia agora cando os sinais levan máis de 10 anos colocados sen que supuxeran ningún problema?
Resulta evidente que é unha nova acción encamiñada a alimentar o falso debate da imposición do galego, ademais de ser unha mostra de menosprezo á lingua propia e de non recoñecemento da súa oficialidade na Galiza.
Desde o BNG confiamos en que o goberno de Gondomar manteña unha posición firme na defensa da nosa lingua no concello e ofrecémoslle todo o noso apoio e colaboración nesa empresa.