NÉSTOR REGO E CARMELA GONZÁLEZ REUNÍRONSE EN GONDOMAR COA PLATAFORMA GONDOMAR, FIBRA XA! PARA FALAR SOBRE AS DEFICIENCIAS DO SERVIZO DE INTERNET NA LOCALIDADE
BNG avanza iniciativas no Congreso e no Parlamento galego para demandar melloras na conexión de Internet no concello de Gondomar
Manuela Rodríguez, portavoz municipal: “Constitúe un agravio que Telefónica anuncie o reforzo no verán da súa rede móbil no Val Miñor para permitir máis e mellores conexións, mentres a veciñanza de Gondomar está todo o ano “desconectada”.
Gondomar, 7 de agosto de 2021.- O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, mantiveron unha reunión con membros da Plataforma de Gondomar, Fibra Xa!, entre os que se atopaba o seu portavoz Nelo Penide, para coñecer de primeira man as deficiencias no servizo de acceso a Internet. Froito dese encontro, Rego e González avanzan iniciativas do BNG nos dous parlamentos para demandar dos gobernos do Estado e da Xunta de Galiza que solucionen os problemas de conexión que soportan en Gondomar ao igual que na meirande parte dos concellos do País.
Na reunión, a e o deputados estiveron acompañados tamén pola concelleira do BNG en Gondomar, Manuela Rodríguez, que asegurou que a cobertura da fibra óptica “non supera 25% das vivendas totais do concello”. Esta cobertura concéntrase principalmente no casco urbano da vila e nunha zona da parroquia de Vincios, deixando as demais parroquias sen cobertura.
“A maioría das persoas usuarias do Concello teñen acceso a internet a través dunha ADSL pobre e extremadamente saturada. Para solucionar esta deficiencia, moitas persoas usuarias escollen a rede móbel 4G, mais esta, co uso, satúrase, deixa de ser eficiente e remata cos mesmos problemas de lentitude, afectando tamén ao servizo de telefonía”, sinala Rodríguez.
Neste contexto, “constitúe un agravio que Telefónica -como empresa adxudicataria de contratos millonarios para a implantación da fibra óptica, que no caso do noso concello leva anos de demora-, anuncie o reforzo no verán da súa rede móbil no Val Miñor para permitir máis e mellores conexións, mentres condena á veciñanza de Gondomar a estar todo o ano “desconectada”.
Pola súa parte, a Plataforma Gondomar, Fibra Xa! considera que se está a “vulnerar o dereito a ter un servizo de internet de calidade e en igualdade de condicións que outras zonas. A verdadeira fenda dixital en Gondomar é a derivada dun servizo esaxeradamente lento, cando non inexistente, nas zonas máis rurais do concello” subliñou Nelo Penide. E indicaba ademais que “as persoas usuarias están a pagar un servizo que non reciben das empresas de telefonía coas que teñen contratado o servizo de Internet, que de maneira sistémica incumpren, mais isto tampouco se traduce nun desconto ou abaratamento da factura”.
Tanto Rego como González lembran que se están a incumprir os compromisos adquiridos xa en 2015 polo propio Alberto Núñez Feijóo, Presidente da Xunta do PP, con respecto á velocidade de acceso a Internet neste territorio, que “estabelecían na Galiza, para o 2020, 30 megas de velocidade e, a día de hoxe, na meirande parte de Gondomar aínda non se acada nin o 10% desa velocidade”. As iniciativas presentadas polo BNG esixen solucións a esta situación no curto prazo.