O BNG denuncia as desigualdades na cobertura do servizo de fibra de Movistar no concello de Gondomar

Caixa sen activar
Caixa sen activar

O BNG denuncia as desigualdades na cobertura do servizo de fibra de Movistar no concello de Gondomar

 

Insta ao Concello a se implicar, diante da empresa, para que toda a veciñanza da zona de despregamento da fibra poida gozar dun mesmo servizo

O BNG denuncia as desigualdades na cobertura do servizo de fibra de Movistar no concello de Gondomar

O BNG denuncia as desigualdades na cobertura do servizo de fibra no concello de Gondomar e insta ao goberno local a que se implique, diante de Movistar (marca comercial da empresa Telefónica), para que toda a veciñanza poida gozar dun mesmo servizo, hoxe por hoxe imprescindíbel e básico, se temos en conta as necesidades de teletraballo ou de teleformación, ou mesmo de xestión administrativa ou sanitaria.

 

Se os atrasos na instalación da fibra foron inaceptábeis, pois a día de hoxe non é admisíbel que o feito de vivir nunha vila pequena teña que ser sinónimo de gozar de menos servizos, neste momento é denunciábel que esa instalación non chegue a todos os domicilios que o demanden, en moitos casos simplemente porque Movistar non completou a instalación do cableado ou porque as caixas de distribución non están dadas de alta administrativamente. Incomprensíbel, indecente e discriminatorio.

 

É incomprensíbel que Telefónica, que recibe subvencións millonarias para a implantación da fibra óptica e que no caso do noso concello leva anos de demora, diga agora que non a pode conectar mesmo en domicilios cos que a propia empresa contactou para lles ofrecer o servizo.

 

É indecente que esa mesma empresa, que obtivo 8.137 millóns de euros de beneficios no ano 2021, más de un 400% de ganancia respecto ao 2020, e que xa leva un beneficio de 1.026 millóns no primeiro semestre deste ano, impoña o paso de novos cables por medio de fincas ou colocación de novos postes para a colocación e conexión da fibra, sempre a costa dos clientes, sen contemplar --e sen que ninguén lle obrigue en ningún caso--, o paso pola vía pública nin o soterramento das novas liñas.

 

E é unha clara discriminación por razón de residencia dunha parte da veciñanza das parroquias de Gondomar, xa que converte aos seus habitantes en cidadáns de segunda ou de terceira con respecto aos que teñen todos os servizos, malia cumpriren coas súas obrigas fiscais igualmente.

 

O BNG insta ao goberno do Concello de Gondomar a defender a veciñanza discriminada diante da empresa, para que esta non poida decidir de maneira unilateral, e en base a non se sabe que tipo de criterio, quen pode ou non acceder ao servizo de fibra e, por tanto, quen pode ou non teletraballar desde a súa casa, recibir formación ou mesmo solicitar unha cita médica sen oscilacións nin cortes no servizo.

 

O BNG denuncia as desigualdades na cobertura do servizo de fibra de Movistar no concello de Gondomar