O BNG denuncia ao goberno de Gondomar diante da Valedora do Pobo por non lle dar acceso á información sobre o saneamento
Manuela Rodríguez, voceira do BNG: “A obstrución no acceso á información e documentación conculca a obriga do goberno a fornecela e impide o normal exercicio da función dunha concelleira. Eses datos son indispensables para exercer o labor de fiscalización do traballo do goberno municipal e para a presentación de propostas e alternativas”
Parabéns á Plataforma veciñal, a veciñanza auto-organizada
A organización nacionalista celebra o voto unánime da corporación municipal á moción presentada pola veciñanza auto-organizada na Plataforma veciñal e agarda que ese acordo comece a se traducir en compromisos reais por parte do goberno de Ferreira
GONDOMAR, 22 de setembro de 2024.- O BNG denuncia ao goberno de Gondomar diante da Valedora do Pobo por non lle dar acceso á información sobre o saneamento. A organización nacionalista presentou unha queixa diante da Valedora pola ocultación de información a respecto do servizo de saneamento no concello, solicitada en reiteradas ocasións desde hai máis de tres anos, e que é indispensable para exercer o seu labor de fiscalización do traballo do goberno municipal e para a presentación de propostas e alternativas.
“A obstrución no acceso á información e documentación conculca a obriga do goberno a fornecela e impide o normal exercicio da miña función como concelleira”, explica a voceira do BNG. “Eses datos son indispensables para exercer o labor de fiscalización do traballo do goberno municipal e para a presentación de propostas e alternativas”, engade.
Parabéns á Plataforma veciñal, a veciñanza auto-organizada
Desde o BNG celebramos a constitución da Plataforma veciñal por un Gondomar con servizos. “É unha moi boa nova que a veciñanza decidira auto-organizarse para defender os seus dereitos de maneira colectiva diante do desleixo do goberno local no que á dotación de servizos básicos se refire”.
Manuela Rodríguez parabeniza á veciñanza pola xestión e a defensa da moción que foi aprobada por unanimidade no pleno municipal. “Agora comeza a conta atrás para que o goberno municipal demostre con feitos que está de acordo coa proposta da veciñanza."
Desde o BNG agardan que esta aprobación comece a se traducir en compromisos reais por parte do goberno de Ferreira, aínda que consideran que a intervención do alcalde no pleno non augura grandes avances. “Dedicou o seu discurso a tentar convencer aos presentes de que non puido facer máis, mais esqueceu contar, por exemplo, que dos oito millóns de euros dos fondos deputación para os anos 2015-2024 só destinou 550mil a saneamento novo, ou que lle destinou cero euros dos 2,77millóns do remanente do concello do 2023”, lembra a concelleira. “Nestes nove anos de alcalde, Ferreira puido darlle un cambio radical a Gondomar no que respecta á dotación de servizos, pero non quixo facelo”, sentencia.
Desde o BNG lémbranlle a Ferreira que "a veciñanza ten dereito a recibir toda ela os mesmos servizos, con independencia do lugar en que vivan, e deben desaparecer as actuais discriminacións no menor tempo posíbel". Nesa liña, o BNG vén propoñendo desde o pasado mandato que se habiliten partidas e que se lle dea prioridade ás obras de saneamento. Tamén propuxo, como medida transitoria para paliar o maior gasto que soportan, a implantación dun servizo municipal de baleirado de pozos negros e fosas sépticas para atender as necesidades da veciñanza sen conexión á rede de saneamento, como teñen concellos como Tomiño, por exemplo. “Porén, e malia estar aprobadas polo pleno, o goberno municipal nunca atendeu estas propostas”, lamenta Rodríguez.
A pesar deses antecedentes, desde o Bloque agardan “estar diante dun cambio de prioridades por parte do goberno local”, declara a portavoz do BNG, “polo ben das persoas afectadas e de todo o pobo de Gondomar, porque non esquezamos que a falta de saneamento repercute na calidade da auga e, por tanto, na saúde pública de todo o concello."