ANTE AS PROTESTAS POLO EXCESIVO RUÍDO DE FESTAS E CONCERTOS
O BNG de Gondomar demanda a aprobación dunha ordenanza para o control da contaminación acústica
Manuela Rodríguez: “As festas, as actividades de lecer, e a calidade acústica poden e deben convivir. Conseguir esa convivencia é tarefa de todas e non só favorecerá ás persoas -e animais- con maior sensibilidade ao exceso de ruído, será beneficioso colectivamente”
Gondomar, 20 de agosto de 2024.- O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar demanda do goberno local a aprobación dunha ordenanza para o control da contaminación acústica. A organización nacionalista fai esta proposta ante as protestas da veciñanza polo excesivo ruído de festas e concertos. En particular, a raíz da situación vivida este domingo, coa celebración da festa ‘Holi Life’, onde o “escándalo dos decibelios puido comprobarse en todas a parroquias do concello malia ser o evento no parque das Ánimas de Gondomar”, denuncia a portavoz do BNG, Manuela Rodríguez.
Para o BNG, esta situación contrasta coa suposta ‘sensibilidade clara’ de cara aos colectivos de persoas con hipersensibilidade acústica e auditiva da que fixo alarde o goberno local en anos pasados. Así, en 2019 o propio Alcalde facía pública a decisión de eliminar ás bombas de palenque ou de promover o apagado das luces e a música das atraccións, nunha determinada franxa horaria, durante a celebración das festas da Vila de Gondomar.
Porén, na tarde-noite do domingo esa consideración brillou pola súa ausencia e as persoas que, por diversas vías, protestaron e solicitaron que se baixara o volume non foron escoitadas. “E a festa rematou pasadas as dez da noite!. Até esa hora, a veciñanza máis próxima viuse na obriga de manter pechas as ventás a pesar do calor que ía”, denuncia Rodríguez.
“De nada serve promover este tipo comportamento respectuosos só de xeito puntual ou facer acenos parciais”, trasladan desde o Bloque. “Esa iniciativa debería manterse no tempo, ano tras ano, e facela extensiva a todas as festas e eventos do concello, tamén aos que se celebran nas distintas parroquias”.
“As festas, as actividades de lecer e a calidade acústica poden e deben convivir. Conseguir esa convivencia é tarefa de todas, e non só favorecerá as persoas -e animais- con maior sensibilidade ao exceso de ruído, será beneficioso colectivamente”
Por esa razón, o BNG promoverá a aprobación dunha ordenanza municipal que vele por esa calidade acústica en todo o concello e en todos os eventos. Mentres non se poida poñer en práctica esa ordenanza, o BNG solicitará do goberno local que, ademais de facer cumprimento da lexislación vixente en materia de ruídos, actúe con “respecto acústico” e que traslade as recomendacións pertinentes as entidades promotoras de eventos no conxunto do concello.