O BNG denuncia o atraso deliberado por parte do goberno local na achega da información solicitada sobre o saneamento
Manuela Rodríguez: “Hai un mes que pedimos datos sobre o número total de vivendas con e sen saneamento e contestan dicindo que teñen ‘dificultade de recompilación’. É a mesma solicitude que realizaramos en 2021 e aínda estamos agardando.”
GONDOMAR, agosto de 2024.- O BNG de Gondomar denuncia o atraso deliberado por parte do goberno local na achega da información sobre a implantación no concello do servizo de saneamento que foi solicitada xa hai un mes.
En concreto, a organización nacionalista solicita información sobre o número de vivendas con e sen saneamento por barrios e parroquias no concello de Gondomar, e unha relación dos proxectos para a dotación de saneamento novo (a vivendas que non o teñen) existentes na actualidade, calquera que sexa o seu estado de tramitación, con indicación da parroquia e número de vivendas por barrio ás que darán servizo.
“É a mesma solicitude que realizamos en 2021, reiterada en sucesivas ocasións, e aínda estamos agardando”, denuncia Manuela Rodríguez, portavoz municipal do BNG. E explica que “os datos solicitados son clave para avaliar as necesidades e para determinar cales son as zonas prioritarias á hora de acometer un plan de actuación para o saneamento integral do concello, e non ir facendo ao chou, de xeito improvisado, ‘marca da casa’ do goberno de Paco Ferreira”.
Para o BNG fica claro que o goberno local non quere dar eses datos porque deixarían en evidencia o que desde o BNG veñen denunciando: o alto número de vivendas sen saneamento, o escaso investimento nos últimos anos para ampliar o servizo e a ausencia de proxectos na actualidade que indiquen un mínimo cambio nesa tendencia.
Mostra diso é a resposta dada desde Alcaldía para xustificar a demora, presuntamente debida ‘a dificultade de recompilación da información’ razón pola cal precisan ‘ampliar o prazo de resposta’. Para o BNG e evidente que estas escusas que non se sosteñen. Porque, se o Concello pode cobrar a taxa de saneamento, como é que non sabe cantos abonados hai? E se hai dous anos o Concello puido colocar unha placa en cada vivenda e inmoble de Gondomar, coa indicación do seu número e bario correspondentes, como é que non sabe cantas hai en total? Aínda poden quedar dúbidas de por que levan anos ocultando eses datos?”
Desde o BNG seguiran a defender a absoluta prioridade deste servizo e a esixir do goberno local medidas encamiñadas a dotar ao concello dun plan estable de actuacións e investimentos na procura do saneamento integral do concello de Gondomar.