O BNG de Gondomar convoca unha concentración veciñal a prol do saneamento integral do concello
Na concentración, que terá lugar o vindeiro sábado 21 ás 11:30h diante do Concello, a veciñanza das parroquias será a protagonista e tomará a palabra para expoñer de primeira man as deficiencias e necesidades no servizo de saneamento
Manuela Rodríguez: “Non é unha prioridade para este Alcalde que, en sete anos de goberno, só destinou 208.000€ a obras de novo saneamento, algunha aínda sen empezar”
Gondomar, 14 de maio de 2022.- O BNG de Gondomar convoca unha concentración veciñal a prol do saneamento integral do concello. Nesta acción, que terá lugar o vindeiro sábado 21 ás 11:30h diante do Concello, a veciñanza das parroquias será a protagonista e tomará a palabra para expoñer de primeira man as deficiencias e necesidades no servizo de saneamento.
A evacuación e tratamento das augas residuais é un servizo básico de competencia municipal, mais “a día de hoxe a cobertura da rede municipal de saneamento en Gondomar cobre escasamente o 10% das vivendas nalgunhas parroquias, e en ningunha delas pasa do 70%”, indican desde o BNG. Esta realidade obriga a manter pozos negros ou fosas sépticas, cuxas filtracións provocan a contaminación das terras, dos acuíferos e dos mananciais.
O saneamento foi unha das promesas estrela da campaña electoral de Ferreira en 2019. Promesa que, en opinión do BNG, resultou papel mollado. “Non é unha prioridade para este Alcalde que, en sete anos de goberno, só destinou 208.000€ a obras de novo saneamento, algunha aínda sen empezar”, indica Manuela Rodríguez, portavoz municipal do Bloque.
Diante desta actitude irresponsable e da situación de emerxencia ambiental e social que provoca, o BNG de Gondomar iniciou, en agosto de 2021, unha campaña de concienciación e implicación da veciñanza. Realizáronse de mesas de debate nas parroquias co fin de elaborar novas iniciativas sociais e institucionais para esixir do goberno local un plan estable de investimentos de cara ao saneamento integral do concello.
A convocatoria desta concentración é unha das accións propostas por veciñas e veciños nesas reunións. Desde o BNG chaman á participación na mesma porque xa é hora de demandar que o goberno local atenda as necesidades de todas as parroquias.