O BNG reitera a demanda de implantar un servizo de baleirado de fosas sépticas en Gondomar

IMG_9445 (2)
PlenoMunicipal

A fronte nacionalista instará ao goberno de Paco Ferreira no vindeiro Pleno municipal a prever unha dotación económica para poñelo en marcha como medida transitoria até dotar o concello de saneamento integral

O BNG reitera a demanda de implantar un servizo de baleirado de fosas sépticas en Gondomar

Gondomar, 20 de marzo de 2023.- O BNG reitera a demanda de implantar un servizo municipal de baleirado de pozos negros e fosas sépticas en Gondomar. A organización nacionalista instará ao goberno de Paco Ferreira, no vindeiro Pleno municipal, a prever unha dotación económica para poñelo en marcha para aquelas vivendas que non están cubertas pola rede de sumidoiros.

 

O BNG fai esta proposta como medida transitoria cara o obxectivo dun saneamento integral para atender as necesidades da veciñanza, de centros sociais e pequenos negocios afectados pola limitación dunha rede de saneamento que non atende a todo o concello e apenas medrou nos oito anos de goberno do PSOE.

A concelleira e candidata do BNG á Alcaldía de Gondomar, Manuela Rodríguez, defendeu que este tipo de servizo funciona xa “con grande acollida e bos resultados” en municipios gobernados polas nacionalistas como Mondariz, Tomiño ou Ponteareas. Lamentou nese sentido a negativa do alcalde, que desbotou esta proposta hai un ano escusándose no seu custo elevado. “É falso, pois o Concello dispón de recursos suficientes e mesmo dun camión cisterna infrautilizado, polo que só require de vontade política”, valorou.

A candidata nacionalista asegurou que este servizo estaría subvencionado en parte polo Concello, cun custo similar á taxa de saneamento e exencións ou redución de tarifas en fogares con dificultades económicas. “Permitiría un correcto traslado e xestión dos residuos, maior respecto ao medio ambiente e á saúde, facilidade e axilidade no servizo, e unha importante bonificación económica para os veciños e veciñas”, explicou Rodríguez, que advertiu ao goberno do PSOE que . “xa non ten escusa”.

O BNG reitera a demanda de implantar un servizo de baleirado de fosas sépticas en Gondomar