A FRONTE NACIONALISTA PRESENTARÁ ESTE VENRES UNHA INICIATIVA PARA QUE A XUNTA DESBOTE OS PARQUES PREVISTOS NAS SERRAS DA GROBA, O GALIÑEIRO, MONTE ALOIA E MONTE DA VALGA.
O BNG traslada ao Parlamento galego o clamor social contra os proxectos eólicos no Val Miñor e no Baixo Miño
OIA, decembro 2021.- O Bloque Nacionalista Galego vai trasladar ao Parlamento galego o clamor social contra os proxectos eólicos nas comarcas do Val Miñor e do Baixo Miño. A fronte nacionalista presentará unha iniciativa na Cámara galega para que a Xunta gobernada polo PP desbote estes parques, até sete en tramitación nestes momentos, que se proxectan sobre as serras da Groba, O Galiñeiro, o Monte Aloia e o Monte da Valga.
“Estamos a falar dun conxunto de serras suroccidentais de Galiza que teñen grande valor natural, patrimonial, cultural e social, un auténtico tesouro ambiental”, manifestou durante un acto en Oia o deputado do BNG no Parlamento galego, Luís Bará, acompañado da tamén deputada Carmela González e de representantes das e dos nacionalistas nos concellos das dúas comarcas afectadas.
Bará asegurou que existe un clamor social na contorna que se opón a estes proxectos eólicos polo seu elevado impacto, como evidencian as numerosas mobilizacións, a recollida de cen mil sinaturas, as miles de alegacións presentadas e o posicionamento unánime dos oito concellos ameazados, de todos os signos políticos.
Por estes motivos, desde o BNG trasladarán a ofensiva social ao Parlamento galego para esixir unha rectificación da Xunta. Bará chamou a frear este modelo “depredador do territorio” que defende o PP e denunciou os “atallos legais” que está a usar o goberno do Feixóo para favorecer a aprobación dos proxectos, como a fragmentación de parques que conforman unha unidade co fin de minguar os impactos que reflicten as avaliacións ambientais.
Colonialismo empresarial
"Un espolio, colonialismo empresarial coa connivencia da Xunta. É incompatible para Oia vender natureza e ao mesmo tempo arrasala", cualificou pola súa parte o portavoz municipal do BNG de Oia, Xosé Antón Rodríguez "Xuster". Desde a fronte nacionalista sinalaron que espazos naturais contan con hábitats de especial interese e protección da biodiversidade, son unha zona de grande riqueza patrimonial e unha das áreas de maior densidade arqueolóxica de toda Galiza, e conforman o ecosistema de 1.500 cabalos do monte, unha raza autóctona.
As nacionalistas cren que a instalación de parques eólicos resultarían críticos para a fauna e o patrimonio destas serras e montes, como así o advertiu tamén o Instituto de Estudos do Territorio nun recente informe sobre o proxecto Alvariño I que prevé varios parques eólicos na Serra da Groba.