A Valedoría do Pobo admite a trámite a denuncia do BNG contra o Concello de Gondomar por non dar solución ao problema da auga en Vilaza
A Valedora entende que a denuncia atopa cobertura constitucional derivada do artigo 103.1 da Constitución, e xa requiriu do Concello de Gondomar información sobre as razóns que motivan a queixa presentada polo Bloque
A Valedoría do Pobo admite a trámite a denuncia que o Bloque Nacionalista Galego de Gondomar presentou o pasado mes de marzo contra o Alcalde de Gondomar e o seu goberno pola falta de solución ao problema da auga en Vilaza.
A valedora entende que a denuncia ‘atopa cobertura constitucional derivada do artigo 103.1 da Constitución’, e considera que o goberno local podería estar actuando contra os principios de actuación das Administracións Públicas, e xa requiriu do Concello de Gondomar información sobre as razóns que motivan a queixa presentada polo Bloque.
A Portavoz Municipal do BNG de Gondomar, Manuela Rodríguez, presentou a queixa debido a que o servizo de abastecemento de auga na parroquia está a prestarse en precario dende que en 2016 o Goberno municipal de Ferreira declarara nulo o acordo do goberno anterior de asumir a cesión, acordada en 2012 pola Comunidade de Augas de Vilaza, sen que dende esa data se lle dera solución definitiva. A última iniciativa ao respecto foi unha moción do BNG, rexistrada o 1 de decembro pasado, en que se propuña pasar esa Comunidade de Augas e a súa rede á titularidade do Concello de Gondomar, a través dun trámite de transmisión de aproveitamento hidráulico.
Mais a moción ficou riba da mesa no pleno celebrado o pasado 15 de decembro, a petición do Alcalde, por unha suposta ‘falta de tempo’ por parte do goberno para analizar a proposta. Segundo explica Rodríguez, nese mesmo pleno Paco Ferreira comprometeuse a estudar a alternativa presentada polo BNG antes de final de ano, “pero nunca máis se soubo”, lamenta a concelleira nacionalista.
O BNG agarda da Valedora que exerza, a maior brevidade, o seu labor de defensa dos dereitos fundamentais da veciñanza de Vilaza, e, dado que da auga un servizo de competencia municipal de obrigado cumprimento para que Vilaza pase a desfrutar do servizo de abastecemento nas mesmas condicións que as demais do concello. Porque “despois de once anos, xa é hora de que a esta parroquia se lle recoñeza o dereito ao servizo municipal de augas”, afirma Rodríguez.