O SR. FERREIRA INCUMPRE A OBRIGA LEGAL DE REMITIR O INFORME QUE ESTA LLE SOLICITA ANTE A DENUNCIA DO BNG POR NON CONVOCAR PLENOS CADA MES
O BNG denuncia o actitude do Alcalde de Gondomar ao non responder á Valedora do Pobo
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia a actitude do Alcalde de Gondomar por non dar resposta á petición da Valedora do Pobo. Esta demándalle información sobre os problemas que motivan a queixa da Portavoz Municipal do BNG, Manuela Rodríguez, por non respectar o Alcalde os acordos a respecto das convocatorias de plenos, tanto no que ten a ver á súa periodicidade como ao día de celebración.
A Valedoría do Pobo admitiu a trámite a queixa presentada polo BNG ao entender que reúne os requisitos formais recollidos na Lei que a rexe. En consecuencia, iniciou as actuacións oportunas ante o Concello de Gondomar, requiríndolle que no prazo de 15 días, de acordo co previsto no artigo 22.1 da Lei do Valedor do Pobo, lle facilitara a información sobre os problemas que motivan a queixa.
O Concello de Gondomar aínda non remitiu o informe demandado. O día 16 de xullo requiríronllo novamente, recordando expresamente que tal envío resulta unha obriga legal, facéndolle saber que a negativa ou neglixencia de calquera organismo ou funcionario ao envío dos informes solicitados poderá ser considerada pola Valedoría do Pobo de Galiza como hostil e entorpecedora das súas funcións, facéndoa pública de inmediato e destacando tal cualificación no seu informe anual ao Parlamento.
“Cando soubo da denuncia do BNG diante da Valedora do Pobo, e tendo ademáis a obriga de realizar o sorteo de integrantes das mesas de votación nas eleccións galegas, o Sr. Ferreira convocou pleno para o pasado 17 de xuño”, di a Concelleira. “Aínda que o atraso de catro meses na convocatoria provocou unha orde do día de 38 puntos e a acumulación de 19 mocións presentadas polos grupos políticos, das que dez quedaron sen debater por falla de tempo, entre elas ás seis do BNG”.
Mais o Alcalde “segue sen respectar o acordo plenario unánime de convocar pleno mensual o primeiro xoves de cada mes. Neste mes de xullo tampouco. E iso que temas non faltan, xa que, tal como indica o ROF (Regulamento de Organización, Funcionamento e réxime xurídico das entidades locais), os asuntos da orde do día que non son debatidos nun pleno teñen que se incluír na orde do día da siguiente sesión”, indica Rodríguez.
En opinión do BNG, en Gondomara democracia está confinada cando o Alcalde impide a realización de plenos municipais, máximo órgano de representación popular no concello, onde a oposición pode exercer o seu labor de fiscalización do traballo do goberno e de presentación de propostas e alternativas na defensa dos intereses da veciñanza.
Como acostuma, “Ferreira eríxese en protagonista de todas as actuacións municipais a través do seu Facebook persoal, nun exercicio de burda propaganda que non está á altura da responsabilidade do cargo que ostenta. Temos que exixir, polo ben do noso Concello, que o alcalde abandone a súa arrogancia e ansia de protagonismo, máis propias de tempos predemocráticos, e acepte que mellorar as condicións de vida en Gondomar requirirá atender tamén as achegas do resto de organizacións que conforman a corporación municipal, en lexítima representación da veciñanza de Gondomar”, afirma Manuela Rodríguez, portavoz municipal do BNG.
BNG Gondomar.