O BNG CHAMA Á VECIÑANZA DE GONDOMAR A PARTICIPAR NA MANIFESTACIÓN CONVOCADA PARA O XOVES 24 ÁS 20:00H EN VIGO

O Pleno do Concello de Gondomar aproba a moción do BNG a prol do rescate do hospital POVISA.

EHdtCdnWoAA298U
O Pleno do Concello de Gondomar aproba a moción do BNG a prol do rescate do hospital POVISA.

O Pleno do Concello de Gondomar do pasado xoves aprobou, coa única abstención do PP, unha moción do BNG a prol do rescate por parte do SERGAS do Hospital POVISA, ao que está adscrita, por defecto, a poboación de Gondomar.

Esta moción encádrase na batería de iniciativas políticas que a fronte nacionalista está a despregar en diferentes ámbitos para urxir unha reacción do SERGAS diante da operación especulativa que supón a adquisición do 90% do accionariado de POVISA por parte do fondo voitre Centene, a través de Ribera Salud.

A portavoz do BNG, Manuela Rodríguez, subliñou que POVISA non "é unha empresa máis", sinalando que se trata dun hospital que ten adscritos 140 mil pacientes dos concellos de Vigo, Cangas, Baiona, Gondomar, Moaña e Nigrán, e que conta con 1.500 traballadoras e traballadores. "Sete de cada dez euros que ingresa POVISA son diñeiro público de todas as galegas e de todos os galegos", lembrou.

A moción nacionalista demanda que a Xunta proceda a declarar de "interese público" o hospital, como primeiro paso para tomar o seu control desde o SERGAS e, dese xeito, blindalo ante calquera tentación de futuros recortes e garantir o dereito de toda a poboación da área sanitaria de Vigo a unha "sanidade cento por cento pública, gratuíta, universal e de calidade". Tamén insta o Goberno galego a acometer unha auditoría para investigar o uso dos recursos públicos recibidos con base ao concerto singular polo que POVISA ingresa máis de 75 millóns de euros cada ano, e a que o goberno de Núñez Feixóo exerza as súas competencias para garantir a calidade asistencial e o respeito ás condicións laborais.

Como último punto da moción, tamén se aprobou o apoio do Concello de Gondomar á manifestación convocada para o xoves 24 polo Comité de Empresa de POVISA e pola plataforma SOS Sanidade Publica, en defensa da calidade asistencial e dos postos de traballo, e o chamamento á veciñanza a participar da mesma.

BNG Gondomar.

O Pleno do Concello de Gondomar aproba a moción do BNG a prol do rescate do hospital POVISA.