O goberno do PP na Xunta rexeitou a emenda do BNG para a construción dunhas novas instalacións para o GES
A emenda de 1M€ aos orzamentos da Xunta tiña por obxecto dotar dunha nova localización ás dependencias do Grupo de Emerxencias Supramunicipal: un lugar axeitado, que facilitara a comunicación con todo o Val, deseñado funcionalmente para o seu cometido e específico para o servizo
O portavoces do BNG nos tres concellos lamentan que remate un ano máis cun servizo de emerxencias en precario, “nin Xunta nin Mancomunidade velan polo correcto funcionamento do GES do Val Miñor, un servizo do que poden chegar a depender as nosas vidas”.
O goberno do PP na Xunta rexeitou a emenda do BNG para a construción dunhas novas instalacións para o GES. A organización nacionalista presentou unha emenda aos orzamentos da Xunta para 2025, por importe de un millón de euros, co obxectivo de dotar dunhas novas dependencias ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal, para fornecer ao servizo dun lugar axeitado, que facilitara a súa rápida comunicación con todo o Val, deseñado funcionalmente para o seu cometido e específico para o servizo.
Para o BNG é urxente mudar a desaxeitada localización da sede do GES. Por un lado, comparte edificio con outros servizos do Concello de Nigrán e, por falta de espazo, material e vehículos fican á intemperie. Por outro, atópase nunha rúa sen saída e detrás dun instituto de educación secundaria que concentra en determinadas horas innumerables vehículos e persoas.
Esta situación pode dificultar enormemente as saídas de emerxencias, polo que se fai imprescindible a construción dunha nova sede que permita aos efectivos desenvolver o seu traballo con maiores garantías e para o dotar para o servizo de maior seguridade.
Mais “como de costume, o rodete da maioría absoluta do PP na Xunta esmagou calquera posibilidade de mellora das instalacións e, en consecuencia do funcionamento dun servizo de emerxencias vital para Baiona, Gondomar e Nigrán”, laméntan.
Os acordos da Mancomunidade, incumpridos
Máis non só a Xunta mantén o GES no abandono, a Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, de quen depende máis directamente, “tampouco está nin se lle agarda”. Os acordos da reunión monográfica sobre a situación do GES, forzada polo debate dado polo BNG no pleno de marzo, seguen sen se cumprir.
Nin o acordo para promover melloras nas condicións laborais, nin tampouco o da realización dun estudo sobre o operativo do GES para elaborar un informe exhaustivo de todos os aspectos á que atende e que o determinan: poboación en cada época do ano, características do ámbito de actuación, número e tipo de actuacións realizadas. Un estudo imprescindible dada a dimensión do servizo prestado polo servizo de emerxencias, e no camiño de avaliar a necesidade de dar o paso á implantación dun verdadeiro parque de bombeiros no Val Miñor.
Tampouco se levaron a efecto as melloras básicas que as instalacións “están pedindo a gritos”, enfatizan. No pleno de setembro, o presidente de turno Paco Ferreira, escusouse en que a Mancomunidade non podía acometer as obras por non ser o edificio da súa propiedade. Nesa mesma sesión anunciou que o Concello de Nigrán, titular do inmoble, ía asumir as reformas, algo que confirmou o propio alcalde Juan González, presente na sesión. “Mais nada se fixo e, a día de hoxe -seis meses despois-, o estado das dependencias do GES segue a ser deplorable. Tanto, que traballar nesas condicións non debería estar permitido”, denuncian desde o BNG (achégase vídeo ilustrativo).
Así mesmo, desde o Bloque denuncian que tampouco se celebrou o pleno extraordinario comprometido para o debate e aprobación dun paquete inicial das medidas acordadas, “en resumo: nada de nada”.
Para o BNG do Val Miñor constátase que os acordos volveron quedar en papel mollado e que se continúa “co desleixo temerario que veñen mostrando os sucesivos gobernos da Mancomunidade, tanto os do PP e como os do PSOE”.
O portavoces do BNG nos tres concellos lamentan que remate un ano máis cun servizo de emerxencias en precario e que “nin Xunta nin Mancomunidade velen polo correcto funcionamento do GES do Val Miñor, un servizo do que poden chegar a depender os nosos bens e as nosas vidas”.