Todas as emendas do BNG aos Orzamentos da Xunta relativas ao conxunto do Val Miñor van ser rexeitadas polo PP
As emendas, por un montante de 5,5M€, abranguen desde a sanidade, a eduación e os servizos sociais até o medio ambiente e as infraestruturas e a mobilidade.
A organización nacionalista lamenta que o goberno do Sr. Rueda non vaia incluír ningunha das propostas do Bloque, nin as conxuntas nin as presentadas para cada un dos tres concellos por separado.
Carmela González, deputada do BNG: “O PP privará así á veciñanza dun incremento total de máis de 16 millóns de euros nuns orzamentos cuxas partidas marxinan ao conxunto o Val Miñor.”
Val Miñor, 12 de decembro de 2024.- Todas e cada unha das trinta emendas parciais relativas ao Val Miñor que o Bloque Nacionalista Galego formulou á proposta de orzamentos da Xunta para o ano 2025 van ser rexeitadas polo goberno do PP. Delas, sete era propostas para actuacións comúns para os tres concellos e centrábanse no reforzamento e alongamento dos servizos públicos, na reactivación económica, no medio ambiente e na mellora da mobilidade e das infraestruturas viarias.
Carmela González, deputada do BNG no Parlamento Galego, Iago Pereira, Manuela Rodríguez e Xavier Rodríguez, portavoces municipais en Baiona, Gondomar e Nigrán, respectivamente, realizaron hoxe unha valoración dos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano: “Máis unha vez, as emendas do BNG van ser rexeitadas pola destructiva maioría absoluta do PP”, denuncia a deputada Carmela González. “O PP privará así á veciñanza do Val Miñor dun incremento total de máis de 16M€ nuns orzamentos cuxas partidas marxinan tanto ao conxunto como a cada un dos tres concellos por separado”, engade.
Pola súa banda, as e os representantes do BNG no Val de Miñor lamentan que “o PP de Rueda na Xunta vaia contar, máis unha vez, co consentimento dos PP de Baiona, Gondomar e Nigrán para deixar ao Val Miñor sen uns investimentos que incidirían de xeito significativo na creación de emprego e na calidade de vida da veciñanza”.
Máis e mellores servizos públicos
No relativo á sanidade pública o BNG solicita o reforzo de medios e de cadro de persoal para a atención á saúde mental no centro de especialidades do Val Miñor, que acumula listas de agarda de máis de seis meses.
En relación aos servizos sociais, ante a escaseza de prazas públicas e para facilitar a necesaria conciliación familiar, laboral e social, o BNG demanda a construción dunha residencia de maiores para os tres concellos, e a creación dun Punto de Encontro Familiar para atender ás tres localidades, evitando así que as persoas usuarias teñan que desprazarse a Vigo.
No tocante ao ensino, a emendas van dirixidas á implantación do bacharelato de artes nalgún dos institutos do Val Miñor para o vindeiro curso 2025-2026, e á ampliación do dereito de transporte escolar ao estudantado do ensino non obrigado (bacharelato e FP).
Medio ambiente, infraestruturas e mobilidade
En materia de medio ambiente solicitan a realización dun estudo para a recuperación e rexeneración da Foz do Miñor, na liña de corrixir a contaminación e de recuperar o seu banco marisqueiro.
Propoñen tamén un plan de reforestación con especies autóctonas e desenvolvemento de accións preventivas fronte aos incendios, sempre en colaboración coas Comunidades de Montes en Man Común.
En canto ás infraestruturas e a mobilidade propoñen o estudo para a avaliación do rescate da concesión para a súa xestión pública e a gratuidade da AG-57, para que sexa unha realidade no vindeiro ano, así como, no inmediato e como medida transitoria, bonificacións das peaxes desde o 1 de xaneiro de 2025.
Así mesmo, demandan a mellora do servizo de transporte interurbano, co incremento de liñas e frecuencias directas para os desprazamentos aos Hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro e á Universidade.