LAMENTA QUE O ALCALDE DE GONDOMAR NON O CONSIDERE PRIORITARIO

O BNG denuncia que Mesa Local de Coordinación contra a Violencia Machista leva sen convocar dende marzo de 2017

25N
25N

Manuela Rodríguez: A non convocatoria está a impedir a elaboración dun informe que visibilice a magnitude real da violencia machista na localidade de Gondomar e as súas repercusións sociais. Un informe que permitiría actuar directamente sobre as súas causas. O BNG insta ao goberno local a convocala de inmediato

O BNG denuncia que Mesa Local de Coordinación contra a Violencia Machista leva sen convocar dende marzo de 2017

Gondomar, 11 de novembro de 2021.- O BNG de Gondomar denuncia que Mesa Local de Coordinación contra a Violencia Machista leva sen convocar dende marzo de 2017, e considera lamentábel que o Alcalde non o considere prioritario.

O BNG denuncia que o goberno municipal está a incumprir de xeito sistemático varias das accións contempladas no vixente Plan de Igualdade Municipal. En particular, no que ten a ver coa área de Prevención e Erradicación da Violencia Machista, é flagrante o deixamento de funcións no que respecta á convocatoria da Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero que leva sen se reunir desde marzo de 2017, hai case 5 anos.

A non convocatoria da Mesa está a impedir a elaboración dun informe que visibilice a magnitude real da violencia machista na localidade de Gondomar e as súas repercusións sociais. Un informe que permitiría actuar directamente sobre as súas causas,” denuncia a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez. E por iso que o BNG insta ao goberno local a convocar de xeito urxente e inmediato a Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero.

 

A situación na Galiza

Segundo os datos do Instituto Galego Estatística (IGE), na Galiza, durante o 1º semestre de 2021, o Punto de Coordinación das Ordes de Protección a mulleres vítmas de violencia machista abordou o seguimento de 536 novos expedientes e foron comunicadas máis de 500 medidas de protección.

A pandemia da covid-19 trouxo ao noso contexto actual unha importante crise sanitaria, social e económica que atravesa de forma moi intensa a realidade das mulleres, un dos sectores máis afectados da nosa sociedade. E nese contexto, aínda que invisibilizada, a violencia machista continuou actuando.

Entre outros exemplos, na súa Memoria anual do ano 2020, coñecida en outubro, a Fiscalía Superior de Galiza sinala que hai un nicho de criminalidade que a pandemia ocultou, e que no ámbito da violencia machista “o nivel de convivencia que a situación xerou, supuxo, sen ningunha dúbida, un aumento que as cifras derivadas da fría estatística non reflicten, pero que está a agromar e que dará lugar a un goteo de procedementos cuxa orixe ou aparición se deriva da pandemia.” Polo que se fai evidente a necesidade de fortalecer os medios existentes para a loita contra a violencia contra as mulleres e de adquirir máis compromisos orzamentarios, lexislativos e políticos.

Nese sentido, na moción que presenta ao debate no pleno de hoxe en Gondomar, o BNG demanda, entre outras, as seguintes medidas:

 

      • a dotación de orzamento suficiente e específico para a área local de Igualdade que posibilite incrementar o tempo de contratación das traballadoras actuais do CIM, así como dos medios de que dispoñen, de xeito que se poida ofrecer, en mellores condicións, a atención xurídica e psicolóxica necesaria a todas as mulleres de Gondomar que están en situación de violencia;

      • o incremento dos recursos económicos do goberno da Xunta destinados especificamente a loitar contra a violencia de machista no proxecto de orzamentos de 2022 de forma que se sitúen, como mínimo, no 1% do total.

O BNG denuncia que Mesa Local de Coordinación contra a Violencia Machista leva sen convocar dende marzo de 2017