A ORGANIZACIÓN PIDE A DIMISIÓN DA VALEDORA DO POBO POLA SÚA ACTUACIÓN SISTEMÁTICA CONTRA O GALEGO ESIXE DO ALCALDE O CAMBIO INMEDIATO DE TODA A ROTULACIÓN PRESENTE NO CONCELLO QUE NON CUMPRE A LEI

O BNG esixe a elaboración inmediata dunha Ordenanza Reguladora do Uso do Galego no Concello de Gondomar.

O BNG esixe a elaboración inmediata dunha Ordenanza Reguladora do Uso do Galego no Concello de Gondomar.

O Bloque Nacionalista Galego considera esperpéntica a situación creada entre Valedora do Pobo e o Alcalde a respecto dos sinais en galego.

A primeira cunha actuación extemporánea e anacrónica no caso dos sinais no concello Gondomar, unha Valedora que, no canto de defender a lingua galega, ten por norma actuar de oficio contra ela, permanecendo indiferente diante das vulneracións reiteradas da lexislación vixente en todo o referido á normalización do noso idioma, razón pola que pedimos a súa dimisión.

O segundo, un Alcalde sen criterio que despois de ter rexeitado o requirimento por inxusto e innecesario, axiña procedeu a mudar ao español os sinais cuestionados, para logo volvelos cambiar, demostrando así o pouco respecto que a nosa lingua lle merece.

A Responsábel Local do BNG lembralles á Valedora e ao Alcalde que “a Lei de normalización lingüística de Galiza (ano 1983) ademais de afirmar que o galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das Administracións, tamén da Local, di asimesmo que a Xunta dictará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego, e que as Corporacións Locais deberán facelo de acordo coas normas recollidas nesta Lei.”

Por outra parte, lembra tamén “o acordo de goberno asinado en Gondomar en xullo de 2015 entre o PSOE, MANIFESTO MIÑOR e CABE, que entendemos que para as partes asinantes debe ser lei, recollía entre as medidas que deberían priorizarse, a seguiente: facer do noso concello o motor dun proceso de normalización lingüística que faga fincapé nos ámbitos nos que a nosa lingua menos se emprega e aproveitar todo o potencial normativo para desenvolver accións positivas a prol do galego.”

 

Pois ben,tendo en conta todo o anterior e fronte á súa agresión á lingua e á manipulación obscena da lexislación para eivar o uso normal do galego, o BNG de Gondomar esixe do Goberno Municipal a elaboración inmediata dunha Ordenanza Reguladora do Uso do Galego no Concello, que evite as arbitrariedades denunciadas e contemple o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística de Galiza e do pacto de goberno. Esta esixencia do BNG preséntase por Rexistro no Concello de Gondomar.

BNG Gondomar.